Seis instantes dos debates sobre igualdade no pleno da Corporación

O lazo morado simboliza a loita contra a violencia de xénero

O lazo morado simboliza a loita contra a violencia de xénero

O pasado venres conmemorouse o Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres. Houbo actos institucionais e tamén hai aínda previstos actos organizados por algúns dos grupos representados na Corporación municipal. Practicamente todos os anos, en torno ás efemérides do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e 25 de novembro, Día Internacional contra  Violencia contra as Mulleres, hai iniciativas plenarias chamando a atención sobre medidas concretas para seguir a camiñar cara a igualdade. As máis delas proveñen da bancada nacionalista, se ben tamén hai iniciativas do PP e mesmo posicionamentos institucionais. No debate, teñen saído unhas cantas cousas curiosas que amosan que, a pesar das palabras, tamén os nosos representantes teñen aínda un treito bo que andar neste camiño xa que, á fin e ao cabo, non deixan de representar a realidade que temos.

Grazas ao repertorio dos plenos grabado e publicado no web municipal practicamente todos estes debates poden escoitarse e o lector que queira escoitar o debate íntegro teno a súa disposición. De entre todos eles, entresacamos apenas media ducia, pero quen escoite as grabacións poderá decatarse facilmente de que hai moitos máis.

“Faime moita gracia a lei de paridade”

A frase pronunciouna María Faraldo, alcaldesa, cando nun pleno en febreiro de 2010 se lle recriminou que o executivo que Feijóo acababa de formar na Xunta incumpría a lei de paridade no tocante á proporción de conselleiros e conselleiras, que por lei non debe ir alá dun 60%-40%. Xa esquecera que, na súa estrea como rexedora, a pregoeira das festas de 2007, Paloma Lago, asegurara que era un “momento histórico” que pregoeira e rexedora fosen mulleres.

Non é “adecuado” informar sobre o número de casos de violencia de xénero en Betanzos

Ao pouco de estrearse no cargo, a alcaldesa Faraldo votaba a favor dunha iniciativa dos nacionalistas para crear unha partida específica no orzamento para atender casos de violencia machista. “No hay necesidad de crear una partida específica en los presupuestos porque los casos se cubren dentro de “atenciones benéficas e asistenciales” dentro del fondo de emergencia social” asegurou naquela altura o concelleiro de economía dos conservadores, Pablo Tomé.

Faraldo abundou que “se facemos unha partida específica cunha cantidade de cartos e presupuestamos, corremos o risco de que alguén se interese polo numero de casos de violencia de xénero hai en Betanzos e cousas semellantes, o que non parece moi adecuado”. Na negativa a visibilizar que a violencia de xénero tamén afecta ao noso municipio, o PP recibiu o apoio de CxB, que se negaba a facer evidente esta lacra.

De nada serviu que Otero Botana, propoñente desde a bancada nacionalista, insistise en que “non hai que darlle publicidade ás persoas que levan a axuda, pero o numero de casos de violencia si, para que a xente tome conciencia de que hai máis xente da que parece que sofre maltrato”. A proposta foi aprobada, mais segundo as denuncias dos nacionalistas, a partida nunca se creou.

Unha comisión “máis real” con “entidades e tal”

Debatíase o II Plan de Igualdade do Concello de Betanzos, en febreiro de 2012. O BNG criticaba que o documento fose redactado sen ningún tipo de participación social, acusando ao goberno de non consensualo sequera co resto da Corporación. Ademais de indicar que o plan fala de acabar con estereotipos de xénero e que iso significa poñer fin á raíña das festas, Xosé Vales demandaba unha comisión de seguemento aberta á sociedade civil. “Que haxa unha comisión cas entidades culturais e tal tal” trataba de explicar o exnacionalista, abundando na demanda de crear “unha comisión que sexa máis real”.

A explicación provocou as mofas do PP. A súa voceira, María Faraldo, metía o dedo na chaga demandando, entre risas, que se lle explicase “cómo se vota eso de que la comisión sea más real”. A resposta de Vales foi arremeter contra o PP por non ter aprobado un plan de igualdade no seu mandato.

O “peito de uralita” dos Diplomáticos de Montealto

Campaña do BNG contra actitudes machistas nas festas

Campaña do BNG contra actitudes machistas nas festas, editada este verán

Non se debatía ningunha moción relacionada co tema de igualdade. No debate sobre o convenio para cambiar a pista do pavillón municipal saltou a lebre. Faraldo asegurou que o convenio que se aprobaba demostraba que o PP cumpre sempre os seus compromisos e o voceiro do BNG, Henrique del Río, tirou de repertorio musical para recriminarlle, citando aos Diplomáticos de Montealto, o “peito de uralita”, o retraso na construción do colexio de educación infantil que logo foi aulario. Tirou tamén de San Mateo, “polos seus feitos coñecerédelos”, pero a cita bíblica non rebaixou o ton da reacción da conservadora, que acusou ao nacionalista de “machista” e asegurando que “no me hablaría así si yo fuese hombre y no mujer”. “Que eu saiba os homes tamén teñen peito”, ironizou o nacionalista rebatíndolle a acusación.

Faraldo utilizou ese argumento de ser vítima de ataques dos rivais por ser muller en varias ocasións durante distintos debates. “En mis años de concejal estoy harta de aguantar determinadas acusaciones por ser mujer”, asegurou nesa mesma sesión. “Yo me presenté a las elecciones en el 99 y solo por el hecho de ser mujer me calumniaron”, asegurou, por exemplo, en febreiro de 2013 apuntando ao PSOE como autor desas descalificacións. O mesmo argumento utilizou para defenderse dunha ducia de declaracións machistas de dirixentes do PP que os nacionalistas lle botaron á cara para cuestionar o compromiso do PP coa igualdade.

“As vítimas de feminicidio non precisan estatuto porque están mortas”

Do PP chegou o toque de atención para o voceiro de BN, Hipólito Pérez, cando asegurou que “é unha contradición que precise un estatuto a vítima do feminicidio porque está asasinada e pouco estatuto debe contemplarse para regulalo”. A edila conservadora Natalia Vázquez Pita- que dimitiu posteriormente do cargo- explicou ao rupturista que vítimas de violencia de xénero son tamén fillos de mulleres asasinadas. Ao edil non convencía unha proposta do BNG para propoñer utilizar a palabra “feminicidio” para definir os asasinatos producidos a consecuencia de violencia de xénero, atopándolle “dificultades de apliacción práctica: a palabra non está no diccionario”.

Unha festa que non se suspende habendo un asasinato por violencia de xénero

A primeira fin de semana de outubro de 2010 celebrábase a festa da tortilla, instaurada polo goberno do PP co seu acceso ao poder en 2007. Unha carpa no Campo, pregón con cociñeiro de renome e tres días de unión de ovo e patacas, acompañada de pementos eran o formato da celebración naquela altura. O domingo trascendeu que un home queimara ao seu fillo nun vehículo en Paderne, para danar á nai. Eran veciños de Betanzos. Na rúa e nas redes sociais moitas persoas cuestionaron que non se suspendese a celebración tras coñecerse a noticia, que motivou unha multitudinaria concentración na praza do Concello días despois espallada por SMS, hoxe practicamente en desuso. A condea foi por asasinato.


NOTA: Para a elaboración deste artigo buscáronse os debates plenarios relativos a iniciativas presentadas polos distintos grupos sobre igualdade. As entradas que escapan disto foron localizadas nun buscador empregando termos chave “machismo”, “machista”, “Betanzos”, “violencia de xénero” e sinónimos de xeito combinado.

Advertisements