O pleno debatirá unha moción de toda a oposición reclamando que se aprobe o convenio colectivo

Casa do Concello

Casa do Concello

A CIG remitiu a todos os grupos da oposición unha moción para facer presión ante a resistencia do executivo local do PSOE para acabar cos flecos pendentes e permitir a entrada en vigor dun convenio colectivo que o goberno socialista presentou para aprobación no último pleno da anterior lexislatura, cun cheiro electoralista que todos os grupos denunciaron naquela altura. “Esta moción envióuselle a todos os partidos con representación no Concello de Betanzos agás ao goberno municipal, entendendo que as vías de diálogo con respecto a este tema estaban esgotadas toda vez que a escusa era a mesma sempre e non se vían avances en cinco meses e logo de cinco longos anos de negociación dun novo convenio colectivo” explican desde a CIG. O BNG tendeu a ponte, propoñendo aos grupos da Corporación asinala conxuntamente e esta noite debatirase.

Os nacionalistas tamén ofreceron aos restantes grupos da Corporación subscribir conxuntamente unha moción remitida pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en apoio á querela contra os crimes do franquismo que se segue en Arxentina. Polo que amosa a orde do día, tan só o edil electo na candidatura de CxG accedeu a compartir a iniciativa dos nacionalistas.

Os nacionalistas levarán a pleno unha moción a prol da ampliación da acreditación por violencia machista, da creación do estatuto do feminicidio e da toma de medidas contra as consecuencias sorbe as mulleres da desigualdade económica. En torno ao Día contra a Violencia Machista tamén leva unha moción o PP, que pide que o Concello organice actividades de concienciación entre a mocidade.

A segunda moción dos conservadores é para pedir que o Concello adquira e reconstrúa a Casa Gótica. A segunda do BNG, a moción demandando a transferencia da AP-9 cuxo debate vetaron no anterior pleno o equipo de goberno e os grupos que o apoian. Un deles, BN, presenta dúas iniciativas a este pleno, unha sobre a concesión administrativa do Complejo San Roque e outra para reclamar á Xunta que inclúa nos seus orzamentos melloras na traída, saneamento e a rehabilitación das súas casas no Casco Histórico.

Ademais, o goberno local presenta unha iniciativa para esixir melloras de accesibilidade no porto que faciliten a súa utilización por parte dos piragüistas e outro para bautizar unha praza co nome de Natalia Jiménez de Cossío. Ademais, García pedirá o apoio do pleno á chamada “Declaración de María Pita”, o accidentado documento que se pretendeu acto fundacional da área metropolitana coruñesa.

Advertisements