O goberno local negocia co propietario a adquisición da Casa Gótica

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

Coincidindo co debate, onte, dunha moción do PP que solicitaba que o Concello adquira e rehabilite a Casa Gótica o goberno local fixo saber que negocia, desde hai tempo, co propietario e responsable da desaparición do edificio, a adquisición do inmoble. Segundo filtrou o executivo local, hai menos de dúas semanas tiveron unha nova xuntanza co dono do solar onde se levantou a vivenda do rexedor Lopo García de Vilousaz e avanza que os contactos van en “bo camiño”. Indican que os encontronazos se reconducen logo da tensión derivada do xuízo e as tres multas coercitivas impostas polo goberno local para forzar a reconstrución da fachada, dúas de 3000 e unha de 6000 euros segundo foi facendo público oportunamente o executivo local no seu momento.

O executivo avanza a intención de reconstruír a fachada gótica do inmoble coas pedras que presuntamente numerou e amoreou ordenadamente a partida contratada polo propietario da finca para botar abaixo a casa máis antiga de Betanzos no xa lonxano 2008. Desde entón, no solar a broza, lixo e suciedade campan ás súas anchas tras do valo que pecha o predio, coas conseguintes queixas veciñais.

A Audiencia Provincial da Coruña ratificou a sentenza que absolveu ao propietario da Casa Gótica dun delito contra o patrimonio histórico por botar abaixo a fachada, con arco conopial, dous brasóns e balcón corrido, do inmoble erixida no século XV para vivenda do rexedor Lopo García de Vilousaz. O fallo da Audiencia confirmaba o do Xulgado do Penal nº4 da Coruña, que considera probado que o propietario “malia coñecer o valor arquitectónico” do inmoble, provocou “un grave dano ao patrimonio histórico”, derrubando e realizando posteriormente o desmonte de gran parte da fachada “de xeito sistemático”. Ademais, declara que durante anos e “sen licenza de ningún tipo”, realizou unha serie de “manipulacións que acabaron coa fachada principal desmontada, excepto a parte correspondente ao primeiro piso, mantendo en pé tan só a fachada lateral, apontoada e nun estado deplorable”. A sentenza tamén subliña que o propietario “non efectuou as medidas de conservación oportunas e permitiu o deterioro do inmueble” e que non respectou “as ordes emitidas polo Concello de Betanzos”.

Con todo, e malia todos estes argumentos, a mesma sentenza destaca que o edificio, malia estar situado dentro do perímetro do Conxunto Histórico Artístico de Betanzos, protexido desde 1970, “non foi obxecto dunha singular protección” por non ser declarado “de forma individualizada” como Ben de Interese Cultural e, polo tanto, conclúe o fallo, “non procede a condena ao acusado como autor dun delito do artigo 321 do Código Penal”, que persegue a quen “derribe ou altere gravemente edificios singularmente protexidos”.

Advertisements