Un balneario oculto na comarca, as augas sulfurosas do Bocelo

Unha vista do antigo balneario do Bocelo

Unha vista do antigo balneario do Bocelo

A nosa comarca puido ser un destino para o turismo de balnearios. De feito, de algún xeito, foino ata os anos 40 do pasado século. O monte próximo ao Mandeo na parroquia padernesa de Vilamourel garda aínda os restos do desaparecido balneario do Bocelo. Para chegar, hai que sortear pistas en mal estado e montes cheos de broza. Unha rota sendeirista do Plan Mandeo pasa a carón del, mais non ten o mantemento que o investimento realizado nela exixiría.

A fonte, chamada popularmente do “ovo podre” polo cheiro das augas sulfurosas, aínda dá auga a carón da ruína do vello balneario. Algúns veciños aínda empregan estas augas para tratar doenzas hepáticas, reumáticas e mesmo da pel. Non é, desde logo, a peregrinaxe que este paraxe coñeceu nos anos 30 do pasado século, época do seu máximo apoxeo.

O balneario é sinxelo, con dous edificios de planta rectangular con dous pisos, en pedra de cachotaría e perpiaños adintelados en portas e fiestras construídos a comezos do século XX. Un dos dous edificios está pegado ao manancial onde se atopa a fonte, á intemperie, con tres pequenos pilóns de pedra para servizo de quen alí vaia en busca das augas sanadoras. Un destes pilóns semella ser un pequeno alxibe e os outros dous pías para lavarse. Ao conxunto accédese baixando unha escaleira de pedra.

O caudal da fonte é pequeno e a temperatura da auga fría. As augas escorren por un cano sobre un boquete que se abre no muro ata a mina. Tanto o cano como a pedra sobre a que van caer están tinxidos de po branco característico do xofre, un aroma que impregna o ambiente co característico cheiro dos ovos podres ou as populares bombas fétidas.

No interior do edificio contiguo á fonte aínda se poden ver as bañeiras e unha caldeira de ferro onde se quentaba a auga para os baños, facendo lume debaixo. No outro edificio, máis grande, non quedan restos, polo que se cre que puido ser para aloxar aos hóspedes que quedaban varios días a tomar as augas no Bocelo.

O balneario foi unha asa de saúde moi concorrida nos anos 30 do pasado século, pero un incendio arrasouno por completo na década seguinte e deixouno no estado actual. Reconstruido por José Brea Purriños e a súa dona Carmen Cortés Bahamonde, tivo actividade entre o 1950 e 1963. Actualmente pasa próximo a el a chamada Ruta do Bocelo, de 7,5 km que parte do centro de interpretación de Chelo e percorre os montes cara esta vella industria da saúde esquecida na nosa comarca.

Advertisements