Convocan un concurso de cartas aos Reis para promover a escrita en galego e a solidariedade

Postal gañadora de Nuria Beiro, que ilustrará o programa municipal dos festexos

Postal gañadora de Nuria Beiro, que ilustrará o programa municipal dos festexos

O Concello convocou un Concurso de cartas aos Reis Magos bota a andar o 1 de decembro para animar á rapazada a lle escribiren as súas cartas en galego aos reis, promover a creación escrita entre os máis pequenos e pequenas, así como reflexionar sobre temas como a lingua galega, a solidariedade e a necesidade de sensibilización cos problemas sociais.

O Concello de Betanzos organiza este I Concurso de cartas aos Reis Magos dentro do Programa de Nadal que estará nas rúas os vindeiros días, e que pretende festexar as tradicións e datas máis sinaladas. Neste concurso poderá participar todo o alumnado que estea a cursar a Educación Infantil, Primaria e con diversidade funcional en Betanzos en cinco categorías que contarán con candanseu premio e accésit. Os propios Reis Magos entregaranlles en persoa os premios aos gañadores e gañadoras o día da Cabalgata de Reis, o próximo 5 de xaneiro.

As cartas poderán depositarse entre o 1 e o 29 de decembro nas caixas de correo real que haberá nos seguintes puntos: CEIP Francisco Vales Villamarín, CPR Nosa Señora do Carme-Atocha, Centro Pai Menni, Biblioteca Municipal Castelao e Liceo. Os Reis Magos responderanlle a todos os nenos e nenas que depositen a carta con todos os datos postais de xeito claro.

As bases completas do I Concurso de cartas aos Reis Magos poden consultarse na páxina web, http://www.betanzos.net, na sede electrónica, https://sede.betanzos.es, e no taboleiro de anuncios das Oficinas Xerais do edificio Liceo. Tamén se pode solicitar máis información do concurso no Servizo de Normalización Lingüística

Advertisements