O BNG demanda ao goberno local que presente xa un orzamento e que o elabore participativamente

eurosO grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas de Betanzos preguntou no pleno polo atraso do goberno local na presentación dos orzamentos para o próximo exercicio. Os nacionalistas recordan, por boca do seu portavoz municipal, Henrique del Río, que o documento tiña que ter sido aprobado en outubro para entrar en vigor co ano natural, como exixe a lei.

“Queda un mes apenas para que remate o ano e aínda non hai, que saibamos, ningunha proposta de orzamento por parte do goberno local” indicou o edil nacionalista. “Ou, cando menos, ao BNG non foi remitida” por parte do executivo local. Para as nacionalistas, esta demora é “inquietante e significativa”, dado que o documento debería terse aprobado en outubro para expoñerse e entrar en vigor o 1 de xaneiro. O BNG quere coñecer as razóns que xustifican este retraso. Del Río tirou de ironía para preguntar se Betanzos ten “unha lei distinta que manda que os orzamentos sexan para o verán e non nos enteramos”.

As nacionalistas reclamaron que poña de inmediato en funcionamento un proceso participativo para a elaboración das contas municipais. “Que vaiamos xa tarde con este tema, non pode ser excusa como sucedeu o ano pasado, para xustificar a falta de participación da veciñanza na elaboración dos orzamentos”, engadiu o voceiro nacionalista Henrique del Río. “Levamos anos pedíndolle ao PSOE un cambio nas súas políticas e que goberne coa veciñanza e non de costas a ela e agardamos coa man tendida un cambio de políticas do goberno socialista en Betanzos” concluíu.

Advertisements