O ingreso do “Tato da Valiña” na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense

Manuel Suárez

Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez

Don Luís Seoane, coordinador cultural da Asemblea, quere que o vimiancés Perfecto López sexa membro numerario antes do remate do ano para que coincida coa conmemoración do 60º Aniversario do Congreso da Emigración Galega que tivo lugar en Bos Aires. Os escollidos para a cerimonia de recepción son dous meritorios veciños de Vimianzo: Xosé María Lema de la Iglesia e Antón Mouzo Lavandeira.
Lema: A verdade é que quedei moi sorprendido coa designación de don Luís para que sexa un dos anfitrións de Perfecto López. Os meus méritos son escasos. Nunca escribín un libro e tampouco fun emigrante. Poida que me escollese pola miña orixe familiar pero de calquera xeito, síntome moi honrado de poder dárlle a benvida ao benquerido “Tato da Valiña”. Pois ben, meu Tato, agora estás ao carón dos teus mellores amigos. Aquí enriba non hai présas e con todos os gastos pagos e gozando de tardes enteiras de marabillosas tertulias.

Mouzo: A min tamén me sorprendeu que fose elixido pero don Luís ten un enorme corazón que o fai estar en todos os detalles. Díxome que sendo eu un artista plástico local ía compracerche que te recibise na Asemblea. O certo é que sei pouco da túa vida. Son un fondo admirador da túa traxectoria de éxitos desde Vimianzo ata a capital arxentina. Para min representas ao máis auténtico espírito soneirán que non se frea por moi forte que sexa o vento nordés.

Tato: Ben vos podedes imaxinar que estou na gloria. Síntome fondamente agradecido a don Luís pola xentileza de convidarvos para apadriñar o meu ingreso na Asemblea Celestial. Sodes dous bos fillos da Terra de Soneira e ademais moi defensores da nosa identidade. Aínda que nacín no lugariño da Toxa, a miña nai levoume para A Valiña antes de aprender a andar e a verdade é que cada vez lembro con máis agarimo aqueles fermosos montes da contorna da miña casa. Nacín sen riquezas pero cheo de agarimo.

Lema: Algo que sempre admirei en ti foi a túa determinación. Chegaches ao máis alto desde abaixo. Quero dicir que coincidimos na orixe familiar xa que somos fillos e netos de nais e avoas solteiras e pobres. Ti recolectabas pinas para facer unhas pesetiñas e eu repartía os periódicos aos suscritores que de aquela eran unhas poucas familias dos arredores de Baio. Eu soñei con América pero non tiven quen me prestase os cartos para a viaxe. No teu caso, tiveches sorte de que o “Fruitoso” de Ogas adiantase os cartos para que puideses embarcar.
Mouzo: A min o de andar recollendo pinas polos montes da Areosa e da Valiña faime lembrar a marabillosa aguada sobre papel que Castelao presentou na Exposición de Arte Galego en Santiago de Compostela en 1926. Coido que aquel neno gabeando por un piñeiro eras ti xa que representas con propiedade a un alegre rapaz de calquera aldea galega. Ti coñeceches a copia que do cadro de Castelao fixo a pintora arxentina Alicia Expósito e que está pendurada no Centro Galego de Bos Aires. Para o teu vindeiro cumpreanos que coido é o 12 de maio intentarei ter un agasallo para ti. Podo adiantarche que levará pinas pero non digo nada máis porque senón estrago a sorpresa.

Tato: Realmente eu non fun ningún espelido rapaz que coñecese o medio de gañar cartos. Era moi ignorante pero desexaba mellorar a vida da miña nai. Así foi que fun falar con Fruitoso de Ogas para pedirlle un préstamo que me permitise mercar un billete de ida en terceira clase ao porto de Bos Aires. Aquel bo home puxo os cartos sabendo que non tiña ningunha garantía de poder recuperalos se me ía mal na Arxentina. Confiou en min. Dicía que era moi traballador e con iso era de abondo para el.

Lema: Está claro que hai xente moi intelixente que é aquela que entende axiña o funcionamento do mundo. Os outros —eu un deles— somos uns burriños paspanciños que só aprendemos algo un pouco antes de morrer. Ti tiñas un cerebro especial que te levou a triunfar en todo o que fixeches. Aínda que o teu seo familiar non foi de xente universitaria fuches quen de erguer a cabeza e pensar que a túa primeira obriga era a de intentar mellorar as condicións sociais da familia. Case ninguén pensa nos outros. Somos egoístas e queremos ser ricos ou moi ricos para andar todo o día con traxe e garavata.

Mouzo: Certamente querido Tato ti non es un fillo máis da parroquia. Ti formas parte da mellor aliaxe da arxila dos Barreiros de Vimianzo. A túa mestura é perfecta. Quizais por iso a túa nai considerou que eras “perfeuto” ao ter un 50% de actitude e un 50% de paixón. De pequeno escoitaba que Bos Aires era una cidade única onde sen necesidade dunha vareliña máxica, os espidos recibían roupa nova e os descalzos uns relocentes zapatos de coiro que lle aloumiñaban os pés. Era certo o que dicían xa que ti pasaches de non ter nin carro nin bois nin vacas a ser o dono dun potente coche americano de oito cilindros que conducías sorrindo coma un actor do cinema.

Tato: Non sei meus amigos pero semella que estades a falar doutra persoa. Eu son fillo e neto de xornaleiras. A miña nai, Dolores, era filla de Vicenta alcumada “A Tata da Valiña” que tamén panillaba. As dúas eran fillas de solteira. Tedes que perdoar se non me recoñezo na imaxe que tedes de min. Son un pobre desgraciado que só puido ir a escola un ano e medio. Se fuxín para América non foi porque fixese una análise previa das posibilidades de emprego ou do poder adquisitivo do peso arxentino. Non foi así. Hai unha razón máis direta que ten relación co desprezo recibido dunha moza de Pasarela a quen eu lle facía as beiras.

Lema: O que acabas de comentar fai que te considere máis exemplar. Non sei o que pasou en Pasarela pero a humildade que manifestas engrandece a túa figura de histórico galeguista amigo de Castelao. Eras un forte impulsor de actividades no Corcubión e organizabas ceas nas que o convidado de honra era o noso gran rianxeiro. Se Alonso Ríos recoñece en público o teu mecenado sería, amigo Tato, porque estabas comprometido coa causa galeguista e republicana. Fuches un dos promotores principais da creación do “Campo de Corcubión en Vicente López” que aínda hoxe é máis valioso activo da entidade asociativa dos emigrantes dos concellos que abrangue o partido xudicial de Corcubión.

Mouzo: O meu pai falaba marabillas de ti. Afirmaba cheo de orgullo que non esqueceras onde naceras. Contaba de aquel ofrecemento teu para pagar a construcción dunha escola na contorna da Valiña ou sexa antes da Ponte Roda. Teño entendido que as túas boas relacións con Preciosa da Taberna, a moza do “Cordas”, motivaron a negativa do alcalde franquista Antelo —que por certo non ten relación familiar co actual— coa estúpida xustificación de que querías erguer a escola fóra do centro urbano. Novamente por mor dunha mente pechada quedou Vimianzo sen un local educativo que moita falta lle facía.

Tato: Antes de pasar a falar da escola que por desgracia non puiden edificar quero suliñar que non teño nada de heroe. O embarque para Bos Aires foi por mor dunha quentura de namorado rexeitado. Agora que pasaron os anos, arrepíntome do que fixen por vinganza. Non sei se foi unha coitelada ou unha labazada pero quedei moi ferido cando a miña xeitosa moza de Pasarela non quixo achegarse a min porque cheiraba ao carbón. Se traballaba de carboeiro non podía arrecender a pétalos de roseiras; digo eu. Aquela ofensa levoume direto ao barco para poder volver axiña e pecharlle os fociños. Uns aniños despois, aquela rapaza achegouse a min diante da igrexa parroquial e eu díxenlle antes de que ela abrise a boca: “Agora xa non cheiro?”

Lema: Poida que adiantases o embarque para América despois de que a túa moza rompese o feitizo dun namorado pero o teu destino estaba do outro lado do mar. A túa empresa “Perfecto López y Cía” foi un moi importante concesionario de coches e camións das marcas americanas Chrysler, Plymount ou Fargo. Tamén tiñas grandes estancias con milleiros de vacas e ovellas. Non creo eu que o teu triunfo sexa o froito do desengano amoroso. Ti fixeches cartos pero sen esquecer que viñas de Vimianzo. Por iso é que ingresas como socio na ABC de Corcubión en 1933 a proposta do teu amigo Baña de Cereixo.

Mouzo: O noso Tato é un romántico que se afasta dun amor imposible. A verdade é que non sabemos o que houbese pasado se aquela moza non o despreza. Coido que os anos vividos antes de 1922 foron determinantes para ti porque marcaron o teu camiño de emigrante comprometido. Un feito que desexo suliñar tivo lugar no porto de Montevideo en 1938. Alí agardabas o barco no que viaxaba a túa nai para radicarse en Bos Aires. Querías que dona Dolores estivese ao teu carón para recibir o agarimo dunha familia que no mes de xaneiro escoitaba en Mar del Plata os alegres recordos dos baños con longas saias no fermoso areal de Laxe.

Tato: Certamente, meus amigos, agradezo o cordial recibimento. Sinto que volvín aos meus queridos montes da Toxa e sinto tamén que a miña etapa porteña foi curta en comparanza con aqueles zumentos 18 anos no val de Soneira. Gardo do meu paso pola colectividade o tesouro sentimental de coñecer a Castelao, Alonso Ríos e Suárez Picallo e síntome moi satisfeito co meritorio labor de Carlos Oscar na ABC de Corcubión. O fillo de Carmen de Félix —da parroquia de Santa María de Salto— é un presidente comprometido que empurra forte para manter activo un fogar de irmandade comarcal nas acolledoras beiras do Prata. Despídome. Teño que marchar xa que quedei co amigo baiés Roberto Veloso Gómez para falar do futuro da “Feira de Baio” que coma é ben sabido ten o seu lugar na pedreira da Piroga. Adeus e ata outra!

 

Advertisements