O palco da música xa loce o seu remozado aspecto

Imaxe dos traballos do palco coa viseira de vidro turquesa en primeiro termo

Imaxe dos traballos do palco coa viseira de vidro turquesa en primeiro termo

Libre de andamios desde a saída da Vuelta Ciclista a España, o palco da música deseñado por Rafael González Villar nos anos vinte do pasado século despoxouse estes días da estada que aínda mantiña no seu interior, tras completar a cuberta artesonada de madeira. Remataron así os traballos de rehabilitación do quiosco, que requeriron refacer practicamente de cero boa parte da coroa que sustenta a cuberta de cinc debido ao avanzado estado de corrosión do ferro e de putrefacción dos elementos de madeira. O palco recuperou así o tamiz dos vidros turquesa da visera e un plateado algo molesto da nova cuberta de cinc, que pronto a ferruxe devolverá á cor verdosa que tiña a vella estrutura, acorde co “verde Betanzos” do resto do deseño do arquitecto coruñés para a principal praza da nosa cidade.

As obras foron financiadas en boa parte cun convenio da Deputación provincial, mais unha achega adicional de fondos municipais debido ao incremento do coste polo deterioro da estrutura, máis grave do agardado. Durante os traballos de rehabilitación o PP criticou varias veces a demora no avance dos mesmos.

Os traballos finais incluíron tamén a reposición das luminarias en varias alturas e mais a reposición do xardín, onde buxos e azaleas comparten espazo. O goberno local, logo da agre polémica desatada polo PSOE desde a oposición pola redución e alteración do parterre deseñado polo arquitecto coruñés, optou por manter o xardín máis reducido que executou o goberno do PP. Un cambio máis de criterio do equipo de goberno con respecto ao que dicía desde a oposición. Unhas xardineiras de madeira de gran formato nas inmediacións foron a solución escollida para devolver as camelias ao entorno do palco, onde tiveran protagonismo outrora.

O palco non recuperou o seu firme orixinal de madeira, destruído nos anos 80 do pasado século, polo que a súa acústica seguirá sendo mala ao anularse a caixa de resonancia que conformaba o zócalo e o piso de madeira. Aínda que os traballos concluíron, non se pode acceder aínda ao interior. Un valo impide o acceso, tal vez porque se pretenda instalar novamente dentro del, e logo de anos, as luces do Belén municipal.

Advertisements