Que aprobou realmente o pleno sobre o Complejo San Roque?

A nova da Voz, captura de pantalla do facebok de Hipólito Pérez compartindo a nota do seu grupo e extracto da moción publicada por BN

A nova da Voz, captura de pantalla do facebok de Hipólito Pérez compartindo a nota do seu grupo e extracto da moción publicada por BN

O pleno debatiu o pasado martes novamente unha moción sobre o chamado Complejo San Roque, a controvertida concesión e alugueiro do antigo Asilo Manuel Naveira, os seus xardíns e mais o subsolo do treito final da rúa Rosalía de Castro. Desde o cambio de século a mercantil Complejo San Roque S.L., creada exprofeso para participar no concurso convocado polo goberno de Manuel Lagares para adxudicar o antigo asilo carmelita, explota este edificio dentro dunha maraña intrincada de irregularidades. Por unha banda, mediante un contrato de alugueiro explota o vello caserón modernista transformado en hotel de tres estrelas, e pola outra unha concesión administrativa permítelle explotar as vías públicas onde están o aparcamento soterrado e o que sería un museo-degustación que funciona, en realidade, como cafetería e restaurante do hotel contiguo e co que se comunica cun paso soterrado.

Hai tres anos o BNG forzou a creación dunha comisión de investigación en torno a este complexo e “ruinoso negocio” a fin de desentrañar o asunto e depurar as responsabilidades. Había polo menos outros dous anos que os nacionalistas viñan advertindo de irregularidades no complexo a raíz da poxa, convocada pola Seguridade Social dos dereitos sobre unha parte do negocio. A partir de aí a opinión pública puido saber, grazas ás revelacións do BNG, que esta explotación dun edificio municipal sumaba impagos a traballadores, proveedores, tributos e aluguer ao Concello, subministros de servizos, que funcionaba sen licenza,… Un cúmulo que levou ao BNG, ante a indolencia do executivo local, a trasladar o asunto á Fiscalía, que finalmente rexeitou meterse a fondo no tema advertindo do desleixo absoluto e da falta de control por parte da Administración Municipal.

En xullo- aquí o debate plenario-, dado que a cousa non avanzaba, o BNG propuxo novamente rescindir a concesión e o aluguer e pasar directamente a depurar as responsabilidades existentes. PSOE, PP e CxG- agora BeC- uniron os seus votos en contra da moción do BNG chamando á “cautela”. Betanzos Novo, cun discurso demoledor contra a moción do BNG, optou por absterse. E catro meses despois, BN presenta unha moción na que tamén demanda a resolución da concesión administrativa.

Pero BN deu a entender publicamente que presentaba outra cousa. Así, na comunicación pública da formación aseguran que a moción rexistrada é “para que se inicie o procedemento de resolución do contrato do “Complejo San Roque S.L.” (Hotel, museo degustación, estacionamento soterrado) por imcumprimento das condicións do contrato”. Publicidade do partido que o voceiro, Hipólito Pérez, compartiu ás oito da tarde do pasado martes. E así o recolleu o xornal La Voz de Galicia tamén nunha nova publicada o propio día da sesión plenaria- que podes escoitar aquí. De modo que o voceiro nacionalista, Henrique del Río, despois de cuestionar que en xullo deste ano optasen por non apoiar unha moción idéntica á que agora presenta BN, botoulles en cara que a proposta en pouco se parecía ao que publicamente a formación anunciou que levaría ao pleno. “Están decíndolle á veciñanza cousas que realmente non traen ao pleno” asegura o edil nacionalista nun momento do debate, afeándolle a Pérez Novo que “facer política con medias verdades non é precisamente a participación e a transparencia coa que fixeron campaña hai ano e medio”.

Na súa resposta ao nacionalista, malia as evidencias, Hipólito Pérez dixo descoñecer o comunicado de prensa, a nova publicada no xornal de Sabón e mesmo renegaba do que acababa de publicar no seu perfil oficial de facebook media hora antes do pleno. Negou ter mandado ningún comunicado á prensa e asegurou “non sei nin que medio de comunicación nin que persoa é responsable” e ironizou con que “haberá troles por aí publicando no meu nome cousas”. “BN o único que fixo foi remitir o texto completo e textual da moción”. As afirmacións de Pérez Novo quedan en evidencia coa publicación realizada pola súa formación no seu perfil oficial da rede social facebook o martes ás oito menos vinte do serán, no que se asegura que a moción pide iniciar “o procedemento de resolución do contrato do “Complejo San Roque S.L.” (Hotel, museo degustación, estacionamento soterrado) por imcumprimento das condicións do contrato”, na liña do publicado polo xornal de Sabón.

Así, a moción de BN realmente pedía enviar un requerimento á concesionaria, enviar unha visita de inspección dos funcionarios municipais e, no caso de que  o requerimento non funcionase, poñer fin á concesión sobre o aparcamento soterrado e o café-restaurante. Nada sobre o hotel. E foi o que acordou o pleno, cun PSOE que novamente cambiou o seu tradicional sentido de voto neste asunto. En xullo en contra e en novembro a favor.

Advertisements