A marea bergondesa entra no goberno e apuntala a hexemonia do PSOE

Juan Fariña (sentado), voceiro de Anova, e detrás a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez (PSOE)

Juan Fariña (sentado), voceiro da marea bergondesa (Anova), e detrás a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez (PSOE)

Se a pasada lexislatura a relación entre Anova e PSOE en Bergondo chegou mesmo aos tribunais, desde maio do pasado ano a relación entre os equipos que lideran respectivamente Juan Fariña e Alejandra Pérez atravesa un momento dóce. Tanto que veñen de anunciar esta fin de semana que co cambio do ano o goberno do PSOE integrará dous novos edís, os da marea.

Poñen punto final así a unha relación de ano e medio na que pecharon xuntos orzamentos, obras, regulamentos e outras actuacións. A falta de anunciar o reparto de áreas do novo executivo presidido por Pérez Máquez, relatan unha longa lista de 27 obxectivos entre os que figuran construír unha gran zona deportiva municipal, outra biblioteca, un centro de día para maiores, unha Casa da Mocidade, un viveiro de empresas no polígono industrial, un parque infantil central e cuberto, un centro social en Moruxo, recuperar a reitoral de Guísamo e o pazo de Baldomir e ampliar a Casa Consistorial, continuar co plan para cubrir pistas deportivas e mellorar a zona deportiva da Senra, entre ourtas actuacións. Anuncian tamén un paseo pola beira do mar para dar acceso ao recentemente rehabilitado baluarte de punta Corbeiroa, e outro paseo polo río Maior, ademais de pelear unha bandeira azul para Gandarío ou meterlle man á fachada costeira no Pedrido e o Regueiro. Pero, sobre todo, avisan que o primordial será avanzar no PXOM.

Reaccións: “é de agradecer que por fin PSOE e Anova sexan honestos coa veciñanza, porque levan gobernando xuntos xa tempo”

Desde o resto da Corporación bergondesa velan armas ante o anuncio que reforza o executivo socialista. O anterior socio de goberno do PSOE, Veciños de Bergondo (VB) omitiu realizar valoracións. O PP cualificou simplemente de “última hora” a nova e a edila non adscrita e última candidata á alcaldía polo PP, Tita Sanjurjo, omitiu realizar declaracións.

Desde fóra da Corporación, o BNG desexou que “non sigan na liña de falta de proxecto e de ilusión do goberno do PSOE nos últimos anos e vexamos o cambio que Anova prometeu” e aseguran que “é de agradecer que por fin PSOE e Anova sexan honestos coa veciñanza, porque levan gobernando xuntos xa tempo”. Neste sentido, piden “que non decepcionen á veciñanza, porque sería terrible” mais chaman á reflexión no seo do executivo bergondés para valorar “se a prioridade son as persoas e os servizos públicos ou o urbanismo e o PXOM”.

 

 

Advertisements