Miguel Paz, do IES As Mariñas, premiado no campionato galego da FP

Vista do IES As Mariñas

Vista do IES As Mariñas

Miguel Paz Pena, do IES As Mariñas foi o gañador na categoría de Tecnoloxía do Automóbil dentro da cuarta edición do Galicia Skills, o maior campionato de FP a nivel galego, organizado pola Consellería de Educación. Tras varios días onde os estudantes tiveron que superar diferentes probas relacionadas coa rama profesional na que se forman, o xurado outorgou un primeiro e segundo premio en 17 especialidades. Os gañadores do primeiro premio conformarán o equipo que representará a Galicia no campionato español Spainkills.

Os alumnos galardoados recibiron unha medalla -deseñada polos alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago- así como un agasallo por parte das empresas que colaboraron no certamen. Máis de cen alumnos de 40 centros de todo o país participaron na cuarta edición deste certamen cuxo obxectivo é fomentar e resaltar as diferentes especialidades de Formación Profesional, motivar ao alumnado para mellorar a calidade da FP, potenciar a relación entre os centros que imparten estes ciclos e seleccionar ao equipo galego que participará nunha competición similar a nivel estatal, segundo informa a Xunta a través da súa páxina web.

Durante a clausura do certame e entrega de galardóns, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, resaltou que o último estudo sobre a inserción laboral do alumnado matriculado en Formación Profesional realizado polo seu departamento indica que case un 80% dos estudantes de ciclos logrou un posto de traballo ao finalizar os seus estudos.

Con este recoñecemento, o  IES As Mariñas continúa sumando recoñecementos na rama de automoción que imparte desde a apertura das súas portas.

Advertisements