O Santo Domingo rompe a racha victoriosa ante a súa besta negra, o CB Narón

santodomingobetanzosRómpese a racha de resultados positivos do Santo Domingo de Betanzos na liga EBA, tras caer derrotado na Gándara ante o potente Baloncesto Narón por 73-68, nun encontro de bo nivel, e competido ata os segundos finais. Os locais sumaban catro vitorias consecutivas, crecendo no seu xogo desde a chegada de Timothy Gill, e os betanceiros sumaban tres triunfos seguidos, que lles situaban en posto de fase de ascenso.

Prevíase un partido intenso e igualado e así foi desde o inicio. O Santo Domingo arrincaba mellor, con acerto desde o perímetro e liderados por Rozas, ata alcanzar máximas de cinco puntos (7-12 min 4). Non tardaba en chegar a reacción local, que obtendo vantaxes en accións dun contra un desde o perímetro nivelaban e tomaban o mando no marcador, aproveitando o baixón ofensivo visitante (20-18 min 10).

Crecían os de Diego Fernández en defensa no segundo acto, cedendo só tres canastras en xogo, e axustando moito mellor cos xogadores perimetrales locais, que se mostraban desacertados no tiro exterior. Bos minutos na ofensiva, con achega coral, aínda que a falta de puntos desde o 6,75 impedía que as distancias fosen máis amplas (30-35 min 20).

Tralo descanso, os visitantes erraban un par de accións fáciles para anotar, aproveitando estes fallos os locais para dar a volta ao marcador (41-39 min 25), e crecer tanto no seu xogo como no seu acerto desde o triplo, anotando ata cinco durante este periodo. O Santo Domingo ía a remolque nos minutos finais deste parcial, ata verse con 9 puntos de desventaja (51-42 min 28). Con 53-47, triplo afastado ao bordo do final de Samu Barros, contentado por Pablo Fernández, que anotaba unha espectacular canastra desde máis aló de media pista (56-50 min 30).

Espoleados por este triplo, os brigantinos saían máis enchufados recortando lixeiramente as diferenzas, pero unha nova racha de triplos dos locais, sumando tres de forma consecutiva, devolvíalles ata vantaxes de 8 puntos, no ecuador do cuarto periodo (64-56 min 36). Con todo, os betanceiros non baixaban os brazos, e con dúas canastras de Dani e posterior triplo de Rodrigo metíanse de cheo no partido, situándose a un punto, que volvían a cinco tras accións positivas dos locais.

Con máis dun minuto por diante, Pablo Fernández anotaba outro lanzamento exterior para situarse 70-68 no electrónico. Os visitantes precipitábanse nun contraataque co que podían empatar, e tras unha gran defensa na que deixaban ao Narón sen lanzar a canastra, dispoñían de posesión e 33 segundos por xogarse. Unha perda de balón impedía ao Santo domingo dispoñer do tiro para empatar ou gañar, e un triplo de Samu Barros a 7 segundos do final sentenciaba o triunfo para o Baloncesto Narón (73-68 min 40).

A vindeira xornada o Santo Domingo recibirá no Carregal ao Estudiantes de Lugo, filial do Breogán, coa terceira praza da táboa en xogo. Será o domingo 11 desde as cinco da tarde.

Advertisements