O “turito”, pífano e tamboril para chamar á misa da Inmaculada

Igrexa de San Francisco

Igrexa de San Francisco

A igrexa conventual de San Francisco foi sede, por centurias, da confraría da Inmaculada, oficialmente denominada “Ilustre Confraría da Nosa Señora da Concepción e Santa Veracruz”. Tal vez deste pasado de séculos e da especial devoción franciscana por esta advocación sexa a motivación de conservar, entre a súa imaxinería, dúas tallas da Inmaculada Concepción. Uunha situada na capela onde finaliza o cruceiro norte, precisamente a orixinal da confraría, cunha talla que é reprodución da que fixera o mestre compostelán Ferreiro e que desapareceu no incendio de 1936, situada a carón dos enterramentos do rexedor Fernán Reimóndez de Figueroa e o cabaleiro Xohán Núñes Pardo, pai do Marechal Pero Pardo de Cela. A outra talla é a donada polo avogado Manuel Álvarez García, obra do escultor coruñés Jose Juán González ubicada na capela de San Antonio, onde descansa para sempre Xohán Freire de Andrade, irmán do poderoso Fernán Pérez de Andrade, o Bo.

Imaxinería aparte, o peso desta confraría na vida e nas tradicións da nosa cidade trascendeu o meramente relixioso por varias razóns. Unha delas, o convocar, coma facía o Concello cos bandos para a veciñanza, con pífano e tambor aos seus cofrades para asistir aos oficios da confraría. Turito era o nome que recibía o instrumentista que paraba á porta de cada vivenda, en nome derivado da onomatopeia da música que executaba.

 

A figura remóntase cando menos ao 16 de marzo de 1605, cando se reúne o cabildo da confraría, na súa sede da capela homónima do templo franciscano, para dotarse dunhas novas constitucións. Segundo ten recollido o cronista oficial, José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, o terceiro punto establece esta figura ao dispoñer, literalmente que:

“Ordenamos que os devanditos vicarios ou mordomos a costa da dita Cofradia teñan un mullidor, para que chame os devanditos cofrades aos devanditos enterros, misas e cavildos da dita Cofradía, e ao tal mullidor lle dean o salario necesario e unha túnica cunha insignia da nosa Señora da Concepción, que traia vestida quando chamar e morreren os devanditos cofrades e non doutro xeito, aos quales chame cunha campanilla polas rúas públicas cada vez que os devanditos vicarios ou mordomos ordenáreno”

Nalgún momento desde aquela data o tintineo da campá prevista nas constitucións foi substituído por un pífano, ao xeito da Corporación Municipal, acompañado tamén de tamboril, para chamar aos cofrades a asistir ás vésperas, misa e procesión do día da patroa, a Purísima Concepción, cada 8 de decembro. Vestían túnica longa de damasco branco e azul purísima, cubríndose con chambergo. Relata Núñez-Varela que “a túnica chegou aos nosos días posiblemente desvirtuada. É unha peza de revestir, na que impera a cor branca, con aspecto de toga de 114 centímetros de alto, pescozo recto abrochado con corchete, dianteiro aberto ata o baixo con ampla cenefa azul e esclavina de tres picos do mesma cor caída sobre as costas”.

O primeiro en dedicarlle atención a esta figura foi o anterior Cronista Oficial, Francisco Vales Villamarín, nun traballo publicado, en galego, no Anuario Brigantino de 1949. Dentro das que denomina “Estampas betanceiras” o profesor dedica unha décima a esta desaparecida figura e, tal vez o máis valioso do documento, rescata a partitura da melodía que executaban pífano e tamboril. Este feito permitiu a tentativa de recuperar a figura do turito desde a Banda e a Concellaría de Cultura a cabalo do cambio de década dos 80 aos 90 do pasado século, e que o grupo musical Fiandola- con músicos formados no conservatorio e escola de folclore municipais- gravase unha versión contemporánea do tema no seu disco Mimá (2011).

Vales Villamarín documenta para a posteridade tamén o pareado pretendidamente despectivo que, coa onomatopeia da música, coreaban os rapaces detrás dos muñidores da confraría concepcionista. “Turitoto, turitoto, turito mantequero/ turitoto turitoto teu pai é pastelero”. O pareado pecha en si mesmo, aparte do nome popular do representante da confraría, o desprezo dos integrantes da confraría da Inmaculada polos oficios manuais, pois estaba só integrada por quen non exercer “oficio mecánico”, isto é, fidalgos ou burgueses e profesionais liberais.

Segundo Vales, pífano e tambor eran habituais nos gremios e confrarías da cidade, e “o mesmo Concello servíase d’eles para a publicación dos seus bandos, nas saídas que facía en determinadas datas, en cuio caso eran sempre os dous instrumentistas quenes rompían a marcha, e como un número máis das festas padroeiras”.

 
http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab1949PDF/1949-15.pdf

Fiandola, Mimá, recuperaron esta peza

Advertisements