En Marea ofrece información parcial e sesgada do seu acordo de goberno co PSOE en Bergondo

Viñeta de Forges sobre a transparencia

Viñeta de Forges sobre a transparencia

Logo de cuestionar, por anos, a falta de transparencia do executivo bergondés cara a veciñanza no tocante a prioridades, actuacións e documentos, a sinatura do acordo de goberno entre PSOE e Anova- a marca local de En Marea- imprégnase do mesmo. Se o PSOE non informou sequera a través da súa conta oficial en facebook do acordo de goberno acadado con Fariña e Bavío, o espazo na popular rede social de Anova tan só publica do acordo de goberno un listado de 27 “obxectivos 2017-2019”. Rescatando a máis pura tradición da novela de folletín, explican que “en próximos días detallaremos máis polo miúdo o acordo; distribución de áreas de goberno e demais aspectos relevantes.”

A única parte accesíbel do acordo de goberno asinado o pasado 4 de decembro por ambas formacións é demasiado abstracta e ambigua en moitos destes obxectivos programáticos para o novo executivo socialista. Así, contra o anunciado por ambas formacións, non pretenden recuperar o pazo de Baldomir, senón que o compromiso realmente acadado é “estudar posibilidades de recuperación” para esta casa solariega da parroquia de Guísamo.

Algo semellante acontece coa casa reitoral desta parroquia, cuxa recuperación se anunciou como parte do acordo de goberno. Porén, o único documento que Anova fixo público do acordo rebaixa o anuncio realizado por ambas formacións ao deixalo en “tentar a recuperación” da vivenda parroquial, acoutándoo a que “o período de cesión por parte da Igrexa sexa longo e a inversión pública a realizar para a súa adecuación sexa razoable”. Quere dicir isto que PSOE e a marca local de En Marea renuncian a adquirir a reitoral conformándose cunha cesión temporal para investir cartos públicos en amañar a propiedade da Igrexa. “Definiranse posibles usos e decidirase o máis conveniente” como destino da reitoral de avirse o clero a cedela temporalmente ao municipio.

Outros obxectivos son tan abstractos que é imposible delimitar realmente o seu alcance. É o caso de “se non aprobado, deixar encarreirado o PXOM”, sen definir cando se considera que o documento urbanístico está “encarreirado”. Ou o “plan de reparación e asfaltado de camiños públicos e reparación de beirarrúas 2017-2019. Dotado cunha importante suma de fondos”, cuxa “importante suma de fondos” non se cifra de maneira real ou aproximada e non se indica se o dito “plan” contempla medidas novidosas ou simplemente consiste nos rebacheados de pistas rurais que a Xunta financia ano tras ano.

Obxectivos do pacto PSOE-Anova en Bergondo. Publicado no facebook de Anova

Obxectivos do pacto PSOE-Anova en Bergondo. Publicado no facebook de Anova

As dotacións comprometidas adoecen da mesma falta de concreción. “Creación dunha Zona Deportiva Municipal” que obviamente non é o complexo da Senra, onde se acorda a “mellora de instalacións deportivas”, mais que tampouco se ubica, do mesmo xeito que a “construcción dunha Biblioteca Pública Municipal” ou a “creación da Casa da Mocidade de Bergondo” ou a proposta de “construcción dun parque infantil ‘central’, que nunha parte ou na súa totalidade deberá estar cuberto”. Ningunha explicación se ofrece onde onde “centralizar” este parque infantil, se cubrirá o oco existente en torno ao centro de saúde, casa da cultura e do Concello e se as restantes dotacións irán tamén nese entorno, habida conta do proxecto de modificación das normas subsidiarias que o executivo socialista tramita para desenvolver outro núcleo urbano en torno á casa consistorial.

Na información publicada pola marca local de En Marea sobre o acordo de goberno omítese a distribución de áreas de goberno entre os distintos edís, as súas funcións e cometidos e a nova composición da xunta de goberno local que coordine ao executivo socialista. Tampouco se fixo público o réxime de retribucións do novo goberno liderado pola socialista Alejandra Pérez, o que xa fixo correr as primeiras especulacións. O dixital Heraldo de Bergondo sostén nunha publicación desta mañá que unha dedicación exclusiva e outra dedicación parcial agardan polos edís de Anova, Juan Fariña e Eloi Babío, en canto entren no executivo socialista. É de agardar que Anova faga público o resto do acordo, tal e como Antón Sánchez e o propio Juan Fariña exixiron no seu momento a VB e PSOE, cando asinaron o seu pacto na anterior lexislatura.

Advertisements