Os veciños de Costa Miño Golf reclaman ao goberno local que execute todas as melloras prometidas

Unha vista de Costa Miño Golf

Unha vista de Costa Miño Golf

Hai un ano o alcalde de Miño, Ricardo Sánchez Oroza (MPA) e o goberno municipal do PP comprometéronse coa asociación de veciños da controvertida macrourbanización Costa Miño Golf a realizar unha serie de melloras nos viarios e o mantemento dos espazos públicos da zona. Os veciños pediron sinais de límite de velocidade, badenes, repintar os pasos de peóns ou instalar pivotes nalgúns pasos para que os coches non realicen cambios de sentido, entre outras melloras de seguridade viaria que o rexedor se comprometeu a acometer. Mais, pasou un ano e a situación continúa a ser a mesma porque Oroza non cumpriu coa palabra dada.

Así, a  asociación de Veciños de Costa Miño Golf lamenta esta demora de máis dun ano e que tampouco se atendesen outas demandas para adecentar os espazos públicos da urbanización, a comezar pola área de recreo instalada no treito do Camiño Inglés a Compostela que atravesa a urbanización, desviado do seu trazado orixinal para construír o campo de golf do complexo.

Como o goberno local do PP non cumpriu nun ano cos compromisos adquiridos co colectivo veciñal fundado o pasado ano, este trasladou o seu malestar ás redes sociais. Na páxina de facebook da asociación pode visitarse unha cumprida reportaxe que ilustra o estado de abandono dos espazos públicos da urbanización.

Advertisements