O BNG cuestiona que os orzamentos da Xunta non conten con fondos para sanear a ría

A ría de Betanzos  no Pedrido

A ría de Betanzos no Pedrido

A situación crítica da ría de Betanzos volveu saltar ás primeiras planas o pasado mes a conta de varios verquidos contaminantes procedentes do polígono industrial de Piadela que acabaron no esteiro do Mandeo por medio do regato de Callou. A confraría de Miño, o pósito que agrupa ás 18 mariscadoras que quedan na ría betanceira, prendeu todas as alarmas debido á afección que estes verquidos podían ter en plena campaña de Nadal.

E é que a ría está practicamente pechada ao marisqueo ao ter calificación de zona C excepto nalgúns lugares puntuais. As praias situadas a ambas marxes da desembocadura do Mandeo teñen elevados índices de contaminación por augas fecais, o que fai que en moitas ocasións estean pechadas total ou parcialmente ao baño, como aconteceu con areais miñenses e bergondeses este verán pasado. Baixo a ponte da autoestrada do Atlántico, unha cepa de hepatite C fixo que se desaconsellase a retirada de entullo e lama tras as obras polo medo a esparexela por toda a ría, mentres que os concellos das ribeiras distan moito de pechar un saneamento integral para as súas augas.

Así as cousas, para o BNG da comarca, os orzamentos da Xunta “deixan sen solución todos os problemas da comarca das Mariñas”. Desde a organización comarcal, as nacionalistas consideran que as melloras nas captacións de auga en Aranga, Betanzos e Oza-Cesuras (950 000 euros) e amaño do saneamento en Coirós e Abegondo (350 000 euros) son insuficientes para sanear a totalidade dos ríos e a ría que atravesan e vertebran a comarca. “O saneamento da ría tiña que estar rematado na súa totalidade ao acabar 2015 e vemos que tampouco será en 2017 cando se finalice”, lamenta a responsábel do BNG na comarca das Mariñas, Cristina López.

“A outra partida que figura para esta comarca é para abrir o centro de día de Miño, que leva anos pechado e estragándose”, explican desde o BNG. “Nin que a atención á poboación dependente e aos maiores da comarca se solucionase coas 30 prazas que a Xunta anunciou para este centro hai un ano”, ironiza. As nacionalistas recordan que Núñez Feijóo prometera acabar o seu primeiro mandato con centros de día públicos en todos os concellos de máis de 5000 habitantes.

Desde o BNG lamentan que o goberno galego tampouco contemple como prioridade a mellora do servizo de pediatría na comarca a pesar dos problemas e carencia de facultativos en todos os municipios das Mariñas. “Malamente van fixar poboación os concellos rurais se non hai uns servizos nin parecidos aos que teñen as áreas urbanas”, censura Cristina López.

Os nacionalistas censuran que as contas do PP deixen novamente sen cartos a rehabilitación das once vivendas que a Xunta posúe no Casco Histórico de Betanzos. “Logo de seis anos de promesas parece que van amañar tres agora, mais a este ritmo para amañar as once precisaranse máis de quince anos”, ironiza o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Desde o BNG cuestionan que tampouco haxa cartos para a reforma integral que precisa o CEIP Vales Villamarín ou para convertir o aulario do Pasatempo nun centro de educación infantil independente. Por este motivo, as nacionalistas traballan xa nas emendas que presentarán ás contas para atender as necesidades da comarca. A tal fin, recollerán as propostas da veciñanza.

Advertisements