Un choque de dous camións corta a AP-9 en Abegondo

A peaxe de Macenda, en Piadela

A peaxe da AP-9 en Macenda, Piadela

Unha colisión entre dous camións rexistrada hoxe ás 06.00h obrigou a cortar ao tráfico durante tres horas a autoestrada AP-9 no quilómetro 22 en sentido Santiago-A Coruña, á altura de Abegondo. A Garda Civil tivo que desviar a circulación ata poder habilitar un carril para continuar a marcha en dirección A Coruña. Os bombeiros de Ordes tiveron que acudir ao lugar do accidente para liberar a un dos condutores que quedou atrapado no vehículo ao envorcar tras o impacto, segundo informan fontes do 112.

A central de coordinación de emerxencias recibiu o aviso deste accidente con dous camións implicados ás 06.00h. Os Bombeiros de Ordes acudiron ao lugar onde chocaron os dous camións, á altura do km22, e liberaron a un dos condutores, atrapado na cabina do camión que envorcou a consecuencia do impacto. Segundo informa o 112 nun parte, o camión envorcado quedou atravesado na calzada, ocupando os dous carrís, polo que a Garda Civil de Tráfico tivo que desviar a circulación neste punto.

O accidente obrigou a cortar por completo o tráfico na autoestrada en dirección Santiago-A Coruña durante tres horas A Garda Civil desviou a circulación nas proximidades do punto onde ocorreu o accidente. Os vehículos que circulaban cara á Coruña eran desviados á altura de Ordes, aproximadamente no quilómetro 30 sentido A Coruña. Decenas de condutores que circulaban detrás dos camións accidentados quedaron retidos na autoestrada ata que a Garda Civil puido habilitar un carril reversible para que puidesen continuar a marcha en dirección A Coruña. En sentido contrario, cara a Santiago, tamén houbo retencións e tráfico lento xa que só quedou aberto un carril para circular, xa que o outro se habilitou como carril reversible para aliviar a conxestión no sentido da marcha onde ocorreu o accidente.

Advertisements