O alcalde de Miño marca distancia e propón revisar unha licenza dada polo seu tenente de alcalde

O goberno local de Miño nun Pleno

O goberno local de Miño nun Pleno: Oroza en primeiro termo e Veiga primeiro á súa esquerda

Ricardo Sánchez Oroza, rexedor de Miño grazas aos votos do PP co que comparte goberno, propoñerá no próximo pleno iniciar o proceso de revisión de oficio dunha licenza concedida polos seus socios no ano 2000. O alcalde avanza na súa proposta que, no caso de que este proceso obrigue ao Concello a indemnizar aos titulares do permiso, esixirá aos responsables que respondan “por dolo, culpa ou neglixencia grave”.

A licenza foi concedida nunha xunta de goberno celebrada o 4 de maio de 2000 que presidía Deogracias Romeu e á que asistiu o actual primeiro tenente de alcalde, Jesús Veiga, segundo recolle a acta. O permiso fora solicitado por un familiar dun exedil do PP para construír unha vivenda unifamiliar nunha zona na que rexía unha ordenanza residencial plurifamiliar intensiva. “Resulta obvio que a tipoloxía de vivenda unifamiliar non resulta compatible coa ordenanza de aplicación, polo que a vivenda non se tería que outorgar”, recolle a proposta de Alcaldía.

A proposta chega oito meses despois de que o partido do alcalde-Miño Plataforma Aberta (MPA), formado tras ser apartado da disciplina de CxG, co que concorreu ás eleccións- airease a apertura dunha investigación xudicial contra o seu socio, Jesús Veiga, e o exalcalde Juan Maceiras por un suposto delito de malversación. A investigación partiu dunha denuncia do rexedor, encarnación da “verdadeira esquerda” antes de formalizar o seu pacto de goberno coa dereita.

Advertisements