O Santo Domingo cae ante o Estudiantes Lugo no Carregal

santodomingobetanzosDerrota incontestable do Santo Domingo de Betanzos ante un Estudiantes de Lugo superior en todos os aspectos do xogo no partido correspodente á 10ª xornada do grupo AB da Liga EBA, no que Diego Fernández contaba con todo o persoal á súa disposición, aínda que Djovakovski e Thiam arrastraban importantes molestias.

Dó entre dous conxuntos igualados na clasificación, e que facía presaxiar outro choque disputado e equilibrado. Nada máis lonxe da realidade, xa que o Estudiantes superaba ao Santo Domingo en todas as facetas do xogo, levándose unha contundente vitoria. No entanto, o inicio era positivo para os locais, alcanzando unha máxima renda de 5 puntos ao principio tras un 2 1 de Pablo Fernández (7-2 min 3). O choque aos poucos íase equilibrando, nun primeiro cuarto frío, e cun ritmo por baixo do esperado. O desacerto comezaba a facerse patente nas filas locais, con varios lanzamentos que non tocaban aro, mentres que os lucenses conseguían terminar en cuarto por diante (17-18 min 10).

No segundo cuarto, os betanceiros realizaban uns malos minutos en ambos lados da cancha, con numerosas perdas e desacerto no lanzamento exterior, malia sumar Marcos Escobar o único triplo de encontro para o Santo Domingo (20-23 min 12). Os de Soares atopaban o acerto necesario desde a liña de 6,75 ante as defensas alternativas dun Santo Domingo lastrado na rotación ante os problemas de faltas de Thiam e Martín, e con tres triplos case consecutivos de Paulauskas e un de Córdoba roldaban as vantaxes de dez puntos. Os locais apenas sumaban en xogo nos minutos finais deste periodo, anotando só desde o tiro libre, cunha porcentaxe máis baixa do habitual. Un triplo a taboleiro, case sobre a bocina de Abuín, os lucenses íanse ao descanso coa súa máxima vantaxe (32-44 min 20).

Tras o paso polos vestiarios, os de Diego Fernández saían coa idea de subir o seu nivel defensivo e de intensidade, pero o Estudantes, en só 47 segundos, asestaba un golpe definitivo ao partido, tanto numérico como anímico. Triplo na primeira posesión, roubo con 2 1 a favor, erro no tiro libre e canastra tras capturar o rebote ofensivo, eran as accións que deixaban o encontro encarrilado para o conxunto de Soares (32-51 min 21).

A partir de aquí, os locais non conseguían facer fronte ao equipo visitante, que mantiña o alto ritmo de xogo para aumentar as súas vantaxes por encima dos vinte puntos, anotando tanto en xogo como desde o tiro libre. A reacción parecía imposible, tendo en conta os problemas dos locais na ofensiva para xerar boas situacións de tiro, e cun resultado moi abultado (42-71 min 30).

No cuarto final, co encontro moi costa arriba, o Santo Domingo seguía sen dar síntomas de mejoría, e aínda que conseguía limitar o ataque visitante mellor que en cuartos anteriores, continuaba sen atopar unha boa liña de xogo. Os lucenses, que seguían coa súa intensa defensa, castigaban cada erro local, levándose finalmente o triunfo por unha diferenza de 33 puntos (55-88 min 40), 55 a 88 no electrónico final.

A próxima xornada o Santo Domingo pechará o ano 2016 recibindo en casa ao potente BVM2012 (4-6). O conxunto de Mieres iniciou mal a tempada, pero leva xa dous triunfos consecutivos, que lle empezan a facer á zona media da táboa. O partido desputarase o domingo 18, ás 17:00 horas, no Carregal.

Advertisements