A CIG denuncia novas privatizacións na limpeza de edificios municipais

Diego Fernández é o  concelleiro de persoal de Betanzos

Diego Fernández é o concelleiro de persoal de Betanzos

A Confederación Intersindical Galega denunciou novas privatizacións no servizo de limpeza municipal, “agora para cubrir vacacións”. Esta situación motivou que a presidenta do Comité, onde a CIG ten a maioría, rexistrase un escrito a respecto da cobertura das vacacións dunha traballadora de limpeza do Concello.

Indican que “na actualidade non só hai unhas listaxes de substitución vixentes senón que mesmo hai acordos plenarios nesta liña”. Por este motivo, denuncian que “unha vez máis o goberno municipal vulnera abertamente e sen informar, xustificar, nin mediar palabra”.

Concretamente, o persoal dunha empresa privada contratado para limpar edificios municipais está traballando na escola infantil municipal e no conservatorio municipal, ambos edificios situados un fronte a outro na rúa dos Cabildos, ao pé da conventual de San Francisco. A CIG indica que o persoal non foi seleccionado tirando das listas de substitución existentes e que non hai ningún “contrato de substitucion” nos servizos municipais de persoal, polo que a contratación se realizou por medio dunha empresa privada. Neste sentido, indican que houbo varios acordos plenarios para defender que se empreste por medio de persoal público, apoiados polo goberno do PSOE, e hai unhas listas de substitución que o executivo socialista está a ignorar para recorrer, unha vez máis, a unha empresa externa.

A contratación desta empresa non figura no perfil do contratante do Concello, polo que os criterios, custo e requisitos esixidos son toda unha incógnita. O BNG denunciou varias veces que pediu información dos contratos a empresas privadas para os servizos de limpeza e que o goberno do PSOE leva impedíndolle coñecer todos estes datos desde hai máis dun ano.

Advertisements