O BNG propón unha nova ambientación navideña máis barata e sostible

Decoración de Nadal na praza. Foto de Escapadalandia

Decoración de Nadal na praza. Foto de Escapadalandia

Menor consumo enerxético, arcadas elaboradas pola propia veciñanza en obradoiros de reciclaxe á imaxe do que capitais europeas xa fan e máis respecto para o medio ambiente. Son os ingredientes cos que o BNG propón elaborar a receita para vindeiras decoracións de Nadal. Suliñan que resultaría unha alternativa “de decoración máis baratas e sostible á iluminación de Nadal”. “Hai anos que propomos obradoiros de reciclaxe para crearmos unha decoración festiva máis respectuosa co medio, máis orixinal e elaborada pola propia veciñanza”, lembra Henrique del Río. O portavoz nacionalista reivindica que as propostas nacionalistas “compren criterios de sustentabilidade e reducen custos, permitindo así ampliar a decoración a rúas actualmente discriminadas pola ausencia de adornos de Nadal”.

Os nacionalistas constatan o aumento, ano tras ano, do gasto enerxético no Nadal. O BNG denuncia que as luces se acenden “cada ano ano máis cedo”, co conseguinte incremento de gasto monetario e enerxético, “mentres despois se apaga a iluminación nocturna das rúas ou se piden créditos para cambiar a led e tratar de conter a factura”, criticaba o portavoz nacionalista, Henrique del Río.

Máis alá das críticas pola aumento do consumo en enerxía, hai outras cuestións que preocupan ás nacionalistas, como o aluguer da decoración que supón un aumento do gasto. “Intuímos que boa parte da decoración é alugada, dado que foron colocadas por unha empresa privada”, explicou o portavoz nacionalista. O BNG fíxose eco tamén das dúbidas expresadas por comerciantes e veciñanza sobre os criterios municipais para a colocación das luces e pediu que “se fagan públicos, de habelos, os criterios seguidos polo goberno para ordenar a colocación dos adornos nunha rúas si e noutras non”.

As nacionalistas lamentan en definitiva que esa prioridade que dá o PSOE a gastos innecesarios do Nadal “non existe cando se trata de servizos de uso cotián e moito máis necesarios”, afirmaba Henrique Del Río. O portavoz nacionalista non perdeu ocasión para acusar ao goberno local de falta de coherencia: “mentres o Concello pide fondos europeos para reducir o gasto enerxético e combater o cambio climático, aumenta o gasto en iluminación de Nadal; non ten sentido”, conclúe Henrique del Río.

Advertisements