533 anos da execución dun fillo ilustre de Betanzos: Pardo de Cela

Igrexa de San Francisco, onde repousan os devanceiros do Marechal

Igrexa de San Francisco, onde repousan os devanceiros do Marechal

O pasado sábado fixéronse 533 anos da decapitación, en Mondoñedo, dun dos máis senlleiros fillos de Betanzos. Porén, a súa biografía pasa adoito por riba das orixes do celebérrimo Marechal Pardo de Cela, malia que os ósos de seu pai repousan para sempre no maior panteón heráldico de Galicia, a igrexa de San Francisco de Betanzos.

Efectivamente, Pedro-Pero no antropónimo na grafía galega da época- Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira, para a Historia o Marechal Pardo de Cela, naceu no solar dos Pardo, unha familia nobiliaria de fonda raigame nas Mariñas dos Condes, nalgún momento do ano 1425. Era o segundo fillo de Xoán Nunes Pardo de Cela, o Vello, comendeiro do bispado de Mondoñedo, e de Teresa (ou Violante) Rodríguez de Aguiar, sendo os Aguiar outra familia de berce fidalgo asentada na comarca. O sepulcro de Xoán Nunes (ou Núñez na grafía castelá) está na capela onde finaliza o cruceiro norte da igrexa conventual de San Francisco,   a carón do enterramento do rexedor Fernán Reimóndez de Figueroa. No mesmo templo descansa para a eternidade tamén outro devanceiro do Marechal, seu avó Aras Pardo II, tamén chamado o fillo, na capela da Virxe das Dores, fronte ao que queda do sartego de Sancha Rodríguez, primeira esposa do fundador do templo, o cabaleiro Fernán Pérez de Andrade, o Bo.

Pero Pardo herdou as propiedades e privilexios da familia ao morrer seu irmán máis vello, posición que mellora  ao casar coa filla do Conde de Lemos, Isabel de Castro, que foi co seu tío, Pedro Enrique de Castro, bispo de Mondoñedo (1426-1445) á cidade episcopal, onde Pardo de Cela era meiriño, en representación da Casa de Lemos. O bispo deulle en dote de voda todas as rendas do bispado, agás as que necesitaba para o seu sustento. Falecido o bispo en 1445, Pero Pardo trasládase a Viveiro, onde chega a ser alcalde (a mención máis antiga que se ten del é unha sentenza de 1464 en que se titula alcalde de Viveiro e comendeiro do bispado) e en 1474 xa ten o título de Marechal. Merca a “casa do Carballo de Galdo”, que pasa a ser cabeza do seu morgado, adquirindo outros moitos beneficios por herdanza, matrimonio e concesión real.

Irmandiño de primeira hora, como documentou Anselmo López Carreira, exerceu de Alcalde de Viveiro nos primeiros momentos da Irmandade, e aparece en outubro de 1477 asinando, canda outros nobres galegos, unha declaración contra as medidas asimilacionistas de Isabel e Fernando, os Reis Católicos. Enfrontado a Santa Irmandade acode ao cerco de Lugo en auxilio de Pedro Álvarez Osorio, que combatía na cidade contra Fernando de Acuña, o home dos Reis Católicos en Galicia. Á volta de 1481, e practicamente até o seu asasinato en 1483, permanece cercado no seu Castelo da Frouxeira, mantendo combate contra unhas forzas mercenarias, de composición castelá e francesa, comandadas polo bretón Luís de Mudarra que tiña levantado o seu campamento en San Martiño de Mondoñedo, nas proximidades da torre fortaleza do Marechal.

Apoiou a outros nobres fronte á política asimilacionista da raíña católica. Aínda despois de decapitado o Marechal, a resistencia aos Reis Católicos mantívose no país, en parte polas fillas do propio Pardo de Cela, mais por outras moitas casas nobiliarias, chegando a poñer sitio a Ponferrada o Conde de Lemos e outras casas para repeler a Isabel e Fernando en  1486. Só así se explica que, nos anos 80 do século XV, máis de mil cincocentos galegos tivesen que exiliarse en Portugal ou Bretaña, tal como estudou un autor nada sospeitoso de veleidades nacionalistas como Xosé García Oro.

A execución do betanceiro foi, segundo a tradición, o 17 de decembro, se ben agora outros estudos a sitúan no 3 de outubro. O certo é que en 1483 cae a fortaleza da Frouseira- ubicada nun pico inexpugnable- a causa dunha traición do propio persoal do Marechal e o 7 decembro é detido na casa de Fonsa Yáñez en Castrodouro e lévano preso a Mondoñedo, onde dez días despois lle cortan a cabeza “por cruel e poderoso”, segundo palabras do Poder Real.

Segundo a lenda, a muller de Pardo de Cela foi polo indulto real, xa que era parenta da raíña, mais coéngos do cabildo mindoniense saíronlle cortar o paso nunha ponte á entrada de Mondoñedo, a chamada desde entón Ponte do Pasatempo. Perdeu uns minutos fulcrais, pois as campás dobraban a morto cando conseguía entrar na cidade. Di a lenda, tamén, que a cabeza, separada do tronco, repetiu tres veces “credo” no que caía do estrado. Comezaba o que o propio cronista dos Reis Católicos deixa anotado como a “Doma y Castración del Reyno de Galicia”.

O Pranto da Frouseira, a xoia lírica do galego dos Séculos Escuros

A lenda en torno á morte do Mariscal ten feito correr ríos de tinta en forma de poemas, cancións, novelas, ensaios histórico-lendarios e análises científico-históricas destinados a esclarecer que parte podería ter de verdade. Así, os “cantares” din que o traidor foi Roi Cofano do Valadouro. A rexa loita durante tres anos na Frouseira, a traizón dos criados e a degolación, coas semellanzas á morte de Xesús, convérteno axiña en mito e comeza a ser trobado en feiras e mercados:

A morte do Marechal encheu pronto pergameus e cantares de feira. Non sendo terra para cantares de xesta, a tradición oral achou lugar acaído para a historia do Marechal no tradicional pranto, cantado pola propia fortaleza derrocada. No video anterior, Luar na Lubre reinterpreta a vetusta letra:

“A min chaman Todomira,
señora do gran tesouro;
por estrela clarecida
xago neste Valedouro.

Mais traidor foi que un mour
o vilán que me vendeu
que de Lugo a Ribadeu
todos me tiñan tremour.

De min, a triste Frouxeira
que por traición foi vendida
derrubada na ribeira,
que xamais se veu vencida.

Por traición tamén vendido
Xesús noso Redentor,
e por aquestes traidores
Pero Pardo, meu señor.

Vintedous foron chamados
os que vendido lo han,
non por fame de sustento,
de carne, viño nin pan.

Nin por outro menester
que falsean de bondade
senón por súa vilancia
e mais por mala intención.

Eles quedan por traidores
e o seu amo por leal,
pois os reis á súa filla
as súas terras mandan dar.

A Deus darán conta delo,
que lles queira perdoar,
co que acabou a Frouxeira
e a vida do Mariscal…

A acollida desta historia na tradición oral permitiulle chegar ata os nosos días, sendo constantemente reinterpretada. Así, Ramón Cabanillas, no tempo das Irmandades da Fala, no seu célebre En Pé aínda recordaba como

Validos de traidores
a noite de Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo
xa afrouxan as cadeas…
Irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
cantémo-lo dereito
á libertá da Terra!

A Mariscala, a cadea que non ficou comesta do tempo

Malia o verso de Cabanillas, a cadea que aferrollou os últimos días do betanceiro Pardo de Cela non afrouxou comesta do tempo. Permaneceu no cárcere de Mondoñedo colgada, amarrando outros presos. Alí a identificou Benitto Vicetto e o rexistrou na  na súa “Historia de Galicia”:

“En la cárcel de Mondoñedo se guarda una gran cadena con el nombre de la Mariscala que se asegura que es la única cosa que se conserva de la Frouseira; algunos dicen que sirvió para sujetar al Mariscal los dias que estuvo preso. Tiene la Mariscala 24 eslabones de un píe de largo y una fuerte argolla a la punta”.

En 1931 a ministra Victoria de Kent ordena que se retiren de todos os presidios do estado español cadeas, grilletes e aros. Así, nas dependencias do Ministerio de Prisións republicano rematan todos estes artiluxios, entre eles, A Mariscala, a cadea que prendeu a Pardo de Cela. O Concello de Mondoñedo, temeroso de perder a cadea que xa identificara e describira no cárcere da localidade o seu cronista oficial, aproba en 1932 destinar 250 pesetas para localizar e repatriar a cadea. Conseguido, deposítase no Museo Provincial á agarda dun museo municipal que nunca chegou a crearse, onde era idea orixinal depositala. E segue no claustro do museo provincial, onde pode ser visitada.

E malia esta historia de peripecias e de dirixir o último bastión de resistencia do Reino de Galicia ante a asimilación decretada polos Reis Católicos, Betanzos, berce de Pero Pardo de Cela, non lle ten feito ningún tipo de recoñecemento público. Xa non un monumento ou placa no solar da casa dos Pardo, senon nin unha rúa nin unha representación na Feira Franca Medieval recordan o nacemento de Pero Pardo de Cela na nosa cidade.

Advertisements