O Bloque propón levar adiante unha campaña de consumo responsable en Nadal e rebaixas

Imaxe do reparto de onte do BNG. Fonte: redes sociais do BNG

Imaxe do reparto de onte do BNG. Fonte: redes sociais do BNG

O BNG propón que o Concello fomente o consumo responsábel e de proximidade no Nadal e as rebaixas
As nacionalistas propoñen a edición dunha app e unha guía de circuítos curtos de consumo e potenciación dos mesmos con campañas específicas no mercado municipal e a organización de obradoiros de reciclaxe de refugallos domésticos, como elaboración de xabróns reciclando aceite ou de decoración de Nadal, entre outras medidas.
Betanzos, 16 de decembro de 2016. O BNG trasladará ao Pleno unha proposta para fomentar o consumo responsábel e de proximidade coincidindo co Nadal e as rebaixas.

A proposta do grupo nacionalista centrase “en poñer en marcha un programa que chaman ‘Betanzos polo consumo responsábel’ que promova o consumo consciente e responsábel, o comercio xusto e a soberanía alimentar como opcións prácticas e cercanas para diminuír o impacto económico, social e ambiental da globalización no entorno local”, segundo explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río.

“O pequeno comercio é un sector estratéxico para Betanzos, de feito, Betanzos conta cun centro comercial aberto, modelo que precisa ser desenvolvido por completo na nosa cidade, para configurarse como a única alternativa viábel para a supervivencia do pequeno comercio”, engadiu del Río. O edil nacionalista demandou do goberno local “un cambio de rumbo nas políticas destinadas ao pequeno e mediano comercio de Betanzos, porque as semanas da tortilla e o pincho son dúas medidas puntuais que non contribúen á dinamización comercial da cidade alén das datas puntuais en que se celebran”.

“Cómpre que o goberno local faga un esforzo en promover o consumo no pequeno e mediano comercio como opción responsábel, sustentábel nos sentidos ambiental e social, e consciente, axustado ás necesidades reais da veciñanza rachando co consumismo vinculado, en boa medida, a datas moi concretas”, indicou o portavoz do BNG.
Dentro deste programa de consumo responsábel, as nacionalistas propoñen unha serie de medidas concretas que inclúen: a edición dunha app cunha guía de responsabilidade, o fomento de grupos de consumo responsábel, a edición dunha guía de circuítos curtos de consumo e potenciación dos mesmos con campañas específicas no mercado municipal, a organización de obradoiros de reciclaxe de refugallos domésticos, como elaboración de xabróns reciclando aceite ou de decoración de Nadal, entre outros, e reformular a política de compras de bens do Concello cara este mesmo paradigma de consumo responsábel.

Advertisements