Reavívase a polémica en torno á participación do Concello no CIEC

O CIEC ten a súa sede na modernista Casa Núñez

O CIEC ten a súa sede na modernista Casa Núñez

Reavívase a polémica en torno ao Centro Internacional de Estampa Contemporánea, a fundación privada creada polo recoñecido artista Jesús Núñez residenciada na modernista Casa Núñez, na praza da Constitución. Unha moción de BN que pedía garantir a permanencia da Fundación co único control da xunta de portavoces do Concello e dando un cheque en blanco ao alcalde para actuar no seo desta entidade privada provoca unha airada polemica.

A moción pedía “instar ao alcalde a levar a cabo as xestións necesarias para aumentar a participación municipal no Padroado da Fundación CIEC, garantir a continuidade da súa labor cultural e artística e garantir a conservación e permanencia de tan importante colección de obras artísticas en Betanzos, dando conta á Xunta de Portavoces dos avances realizados”.

Sen especificar por medio de que vías se ía “aumentar a participación municipal” nin como se pretende “garantir a continuidade da súa labor” e da “conservación e permanencia” da colección, todos os grupos agás o BNG apoiaron a moción de BN. O BNG foi moi crítico co acordo proposto por Betanzos Novo.  O seu portavoz, Henrique do Río, leu parte das escrituras da constitución da Fundación, en 1997, na que interveu o exalcalde Manuel Lagares e que dá fe da entrega de sete millóns das antigas pesetas por parte do Concello. “Non sabemos que se fixo con eses fondos. Estamos en contra de seguir inxectando fondos públicos nunha entidade privada sen ningún tipo de control e sen un proxecto”, incidiu o nacionalista, que defendeu que o Centro da Estampa debería ter “máis vínculos coa cultura do país” e realizar unha “labor pedagóxica máis importante”.

PP e BeC apoiaron a moción e defenderon a necesidade de actuar para evitar a pechadura dun “referente cultural importantísimo”, en palabras dos populares, que criticaron a redución de axudas por parte da Diputación. O Goberno local (PSOE) mostrouse de acordo coa proposta de BN e asegurou manter varios contactos coa Xunta e o Estado para intentar buscar unha saída sen obter unha resposta “satisfactoria”. A canto chegou o voceiro de BN para concretar a súa laxa proposta foi a defender “incrementar” a intervención municipal no CIEC para exercer o “liderado” da entidade e “intervir” no proxecto cultura.

O rexedor, o socialista Ramón García, desvelou que non fora convocado a ningunha reunión do padroado da Fundación desde que era alcalde e, a petición do BNG, comprometeuse a pedir un informe ao secretario municipal sobre o papel do Concello na fundación. No que coincidiron todos os grupos da Corporación local foi en destacar o valor cultural do centro e a súa valiosa colección artística, pero discreparon sobre o modo de colaborar coa fundación.

Tres mil euros ao mes, emprego  de por vida para o sobriño e 250 000 euros de inversión anual para cedelo

En novembro de 2015 trascendeu que o creador da Fundación, Jesús Núñez, propuxera ao goberno local ceder a titularidade do inmoble e a colección ao Concello a cambio de tres mil euros limpos ao mes actualizables segundo o IPC en concepto de gastos de representación durante a súa vida e da súa dona, manter a súa vivenda na planta principal da modernista Casa Núñez mentres o Concello asume suministros de auga, luz e similares e manter na dirección do ente ao sobriño do artista durante toda a súa vida laboral, unha inversión mínima anual de 250 000 euros procedentes das arcas municipais e manter o actual cadro docente.

Entre as condicións estaba tamñen manter o actual padroado da fundación,  no que figuran o cronista oficial da cidade ou o ex-concelleiro de Cultura co PSOE Francisco Díaz Pereira, alias “Pachico”,o que implicaría que, malia facerse titular da colección e o edificio, o Concello non tería o control da fundación privada. De se incumprir calquera das condicións, todo pasaría a mans da Cruz Vermella.

Á vista do orzamento de 2016, o Concello non podería garantir esa inversión mínima anual de 250 000 euros, cadro docente aparte. Sumando todos os programas de cultura previstos no orzamento (incluída biblioteca, arquivo e museo), o gasto en 2016 en política cultural é de 580 809,13 euros, e practicamente a metade correspóndese a salarios.

O goberno local descartou, en marzo deste ano, asumir a titularidade da Casa Núñez e da colección que alberga nas condicións ofrecidas por Jesús Núñez. Cando o anunciou o executivo, o BNG pediu que concretase a súa proposta para esta entidade privada participada polo Concello. Un informe do secretario municipal tachaba as demandas de Núñez como “desorbitadas”.

Advertisements