O BNG reclama que se faga público o custo da privatización da “gala do deporte”

Vista da pista do pavillón municipal coa anterior pista

Vista da pista do pavillón municipal coa anterior pista

O BNG levou a Pleno a privatización da organización da “Gala do Deporte” que promove concellaría de deportes e que se celebrará hoxe. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “polo que sabemos, o goberno local contratou unha empresa privada para organizar este evento”. O voceiro do BNG demandou ao executivo local que aclare por que motivo opta por “contratar unha empresa privada para organizar eventos que perfectamente poderían organizar empregados municipais, como veñen facendo outros departamentos”. As nacionalistas reclaman ao goberno do PSOE que faga público “cal é a empresa e cales son os custos” de privatizar a organización deste evento.

O edil nacionalista denunciou que o goberno local impediu que accedese á documentación relativa a esta nova privatización. “Hai máis de quince días que temos solicitado información, por escrito, sobre esta contratación dunha empresa privada, e a lei di que nos teñen que dar acceso a esta documentación nun máximo de cinco días”. “Que teñen que agachar”, pregúntase.

En relación a esta documentación, o voceiro do BNG tamén denunciou no Pleno que o goberno local ven negándose a facer públicos os datos sobre todas as empresas contratadas para a privatización encuberta do servizo municipal de limpeza de rúas e edificios do Concello. “Dá para ser moi malpensado o feito de que o goberno local se resista a entregar unha documentación que é pública”, engade. “É moi irónico que hoxe o Concello, cun Portal de transparencia, sexa menos transparente que nunca e que se oculte documentación sobre as contratacións por máis de ano e medio” abunda.

“Sabemos que hai unha empresa privada facendo a limpeza nos edificios municipais pero non sabemos que empresa é, nin que contrato ten, nin por canto tempo, nin canto leva facturado ao Concello” engade. “Entendemos que o goberno quere ocultar a privatización deste servizo e por iso non nos facilita os datos, mais a veciñanza ten dereito a saber en que se gastan os cartos públicos”, concluíu o voceiro nacionalista.

Advertisements