Severa derrota do Santo Domingo no Carregal no último partido do ano

santodomingobetanzosDerrota incontestable do Santo Domingo de Betanzos en casa ante o Baloncesto Vila de Mieres por 65-86. Un nefasto parcial de 3-30 nos cinco últimos minutos do primeiro cuarto resultaba unha lousa insalvable, malia os esforzos do equipo e de lograr reducir diferenzas ata os cinco puntos en varias ocasións, no partido correspondente á
11ª xornada do grupo AB da Liga EBA, para o que Diego Fernández contaba con todo o persoal á súa disposición.

O Santo Domingo saía á pista decidido a non repetir algúns erros do encontro anterior ante o Estudiantes, e cun xogo sólido en defensa e con boas accións ofensivas, conseguían unha primeira renda de sete puntos no electrónico (9-2 min 4). Tras tempo morto visitante, o partido daba un xiro inesperado nos seguintes seis minutos. Entraba en pista Jeffrey Dirkin, xogador clave no partido, e os de Mieres conseguían un demoledor parcial de 3-30, cun espectacular acerto tanto dentro como fóra da liña exterior, e con control defensivo e do rebote de ataque. Os locais, que lanzaban 17 tiros menos que o BVM no primeiro cuarto, non eran capaces de frear o aluvión visitante, malia gastar os dous tempos mortos dispoñibles e realizar varias rotaciones (12-32 min 10).

No segundo cuarto, aos poucos o conxunto brigantino íase refacendo. Desde a melloría ofensiva, con maior fluidez, equilibrando tiros co rival, e aproveitando os bos minutos de Djovakovski, achegábanse no electrónico, ante o conxunto visitante, que malia iso seguía firme na ofensiva (25-42 min 16). Os últimos minutos do segundo acto eran claramente de cor betanceira, cun parcial 12-0, tras forzar varias faltas persoais, e liderados por Will Pereiro e Marcos Rozas, con accións interiores e en transición. Un 2 1 de Rozas deixaba a diferenza en cinco puntos, pero un afastado triplo defendido de Harris anotado sobre a bocina daba osíxeno ao BVM (37-45 min 20).

Tralo descanso, a dinámica do encontro mantíñase. Os de Diego Fernández intentaban rebaixar máis as diferenzas, pero non entraban un triplo de Djovakoski e un mate de Pereiro que ben podían equilibrar ao máximo o marcador. O potente equipo visitante, aproveitaba o desgastar local, con case 20 minutos intentando a remontada, para escaparse nos instantes finais desde o tiro libre, sumando sete puntos case consecutivos desde a persoal (45-60 min 30).

Lonxe de renderse, o Santo Domingo seguía ao seu e cunha achega ofensiva coral rebaixaba as diferenzas paso a paso, ata situarse por baixo dos dez puntos (60-69 min 35). Mesmo con esta acción a diferenza  quedábase en sete puntos a 4 minutos do final, pero as enerxías acabábanse no conxunto local, mentres o equipo de Mieres volvía aproveitar a súa constante presenza no tiro libre para ampliar diferenzas, ata impoñerse por 21 puntos de diferenza (65-86 min 40).

O Santo Domingo Betanzos termina o ano cun balance de 6 vitorias e 5 derrotas, a falta de dous partidos para acabar a primeira volta. A partir de agora, tres semanas de parón polas festas de Nadal, ata que a competición volva a segunda fin de semana de xaneiro, co Residencia Las Encinas – Santo Domingo.

Advertisements