Abegondo aproba un orzamento que reduce drasticamente o investimento

José Antonio Santiso Miramontes  é o alcalde de Abegondo

Só os edís do PP deron o seu apoio ás contas presentadas polo goberno de José Antonio Santiso Miramontes

O goberno local de Abegondo aprobou onte en solitario e coa oposición en contra os orzamentos de 2017. As contas presentadas polo executivo do PP chegan aos 4,13 millóns de euros, o que representa unha redución con respecto ás deste exercicio, que alcanzaron os 4,19 millóns de euros. A maior contracción está no capítulo de investimentos, onde se prevé un 21% menos que no 2016, cuns 941 794 euros, dos que boa parte son achegas da Xunta e a Deputación. En 2016 o orzamento para investimentos era de 1,19 millóns de euros.

No pleno aprobouse tamén a Relación de Postos de Traballo (RPT) con Foro Veciñal en contra por complementos “non ligados a postos senón a persoas” e a abstención de AxA. Ademais, aprobouse o imposto sobre o incremento do valor de terreos de natureza urbana (plusvalía), as taxas para o albergue municipal (5 euros para menores de 5 anos e 7 euros para os demais), a adxudicación dos contratos das escolas deportivas e culturais, do servizo de axuda no fogar, da limpeza de edificios municipais e facturas por 3555 euros que se presentaron tarde.

Advertisements