O BNG alerta sobre a supresión de paradas que pretende facer Autos Vázquez no interior da comarca

Varios coches de Autos Vázquez fronte ao IES As Mariñas

Varios coches de Autos Vázquez fronte ao IES As Mariñas

Autos Vázquez SL ven de solicitar á Xunta a supresión de varias paradas ao longo das liñas que explota en réxime de concesión entre a súa Cesuras natal e a Coruña, que atravesan o interior da comarca betanceira unindo os municipios de Cesuras, Abegondo, Betanzos e Bergondo para pasar por Guísamo cara Cambre e rematar na Coruña. A solicitude está en fase de exposición pública e o BNG alertou onte de que “esta modificación suporía o abandono dos tramos entre Fraíz e Guiliade (Betanzos), o Rilo – Presedo (Abegondo), Trasanquelos (Cesuras), Cos (Abegondo) e O Burgo (Cambre). Propoñen abandonar tamén Guísamo (Bergondo), Piadela (Betanzos), Viladesuso (Betanzos), Camarada – Loureda (Cesuras) e Limiñón (Abegondo)”, segundo explicou a responsable do BNG das Mariñas, Cristina López.

“O abandono destas rutas suporía un prexuízo para a veciñanza destes lugares xa que impediría non só que se despracen desde estas paradas á Coruña senón tamén impide a comunicación dentro dos propios concellos e á articulación da comarca entre sí a través do transporte público”, engadiu a nacionalista. “A empresa concesionaria alega que non ten usuarios nestes tramos e que iso provoca un desequilibrio económico do contrato pola falta de usuarios e usuarias do servizo nestas paradas”, indicou Cristina López. “Mais o transporte de viaxeiros entendemos que é un servizo público e polo tanto non ten que estar suxeito a dar beneficios en todas as súas rutas e a empresa concesionaria resulta beneficiada doutras rutas nas que sí obten beneficios”.

Desde o BNG anunciaron alegacións neste sentido e insisten sobre a necesidade dun transporte público de calidade que una as diferentes parroquias de cada concello e articule os diferentes concellos da comarca. Os nacionalistas pediron tamén aos concellos afectados que se manifesten en defensa do transporte público.

Ademais, o BNG anunciou que trasladará esta supresión de rutas aos Plenos dos concellos afectados, como xa fixo o pasado martes en Betanzos e mañá no Pleno de Oza-Cesuras. “Queremos saber se os gobernos locais teñen coñecemento deste expediente e cal é a valoración que fan desta supresión dun servizo público”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas. “Tamén queremos saber se os concellos afectados teñen pensado presentar alegacións a esta supresión”.

Advertisements