PSOE e Marea aproban o orzamento bergondés, que sube grazas ao catastrazo

Juan Fariña (sentado), voceiro de Anova, e detrás a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez (PSOE)

Juan Fariña (sentado), voceiro de Anova, e detrás a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez (PSOE)

Bergondo aprobou de maneira inicial os seus orzamentos para o vindeiro ano tamén onte. PSOE e Anova, a marca local de En Marea, sumaron os seus votos para aprobar a suba de salario da concelleira socialista de Cultura así como para crear a dedicación exclusiva e a parcial para os dous edís da Marea, que se incorporan desde o vindeiro día 1 ao goberno socialista. PP e VB votaron en contra dos salarios do novo executivo bipartito e a non adscrita Tita Sanjurjo abstívose.

Toda a dereita asegurou que o pacto de goberno non se debe a que o PSOE cumprise as 13 condicións que Anova-Son definiu tras o paso polas urnas en maio de 2015. O PP recordou que os edís de Anova cuestionaron os salarios definidos polo equipo de goberno socialista ao que agora se incorporan cando asinou un bipartito con Veciños de Bergondo (VB). Tantas críticas recibiu a marca local de En Marea que a propia rexedora tivo que saír en auxilio do seu novo escudeiro, asegurando que as 13 condicións que impuxera Anova para apoiar a investidura da alcaldesa estaban en vías de cumprimento, se ben hai varias que son “de imposible cumprimento”.

Tamén no relativo aos emolumentos precisou Fariña que Alejandra Pérez o valese. A rexedora socialista asegurou que os salarios do reforzado executivo local están por baixo do límite máximo que marca a lexislación do Estado para municipios coa poboación do bergondés.

O reforzado executivo socialista impuxo así a súa maioría para sacar adiante tanto os novos emolumentos como o orzamento para 2017, que ascende a 6,67 millóns de euros, un importante incremento grazas ao catastrazo. Prevense investimentos como  o acondicionamento da Casa da Mocidade, un plan de mellora e seguridade viaria de 315 000 euros e a ampliación da rede de saneamiento en Vixoi, Moruxo e outros puntos,e a cubrición de pistas deportivas entre outras actuacións pactadas entre PSOE e Anova e incluídas na parte do pacto de goberno feita pública.

A oposición abstívose no primeiro “orzamento do matrimonio Máquez-Fariña”, como o denominou de broma Tita Sanjurjo. “Como non queren que lles chamemos bipartito”, ironizou a edil. Os grupos cuestionaron a ambición do documento contable, que cualificaron nas súas intervencións de “falto de ideas” e “continuista”.

Advertisements