O pacto PSOE-Marea reaviva a polémica en torno á macrourbanización da Longueira

Juan Fariña (sentado), voceiro de Anova, e detrás a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez (PSOE)

Juan Fariña (sentado), voceiro de Anova, e detrás a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez (PSOE)

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, non ocultou en varias entrevistas concedidas nas pasadas semanas a raíz do anuncio do pacto de goberno acadado con Anova- a marca local de En Marea- que pretende recuperar o proxecto da macrourbanización da Longueira dentro da revisión das normas subsidiarias de planeamento que actualmente tramita o seu goberno ou, no peor dos casos, inserila no novo plan xeral que se comprometeron ambas forzas a impulsar.

A urbanización da Longueira foi proxectada sobre unha superficie de 36 hectáreas, ao bordo da estrada que vai a Ferrol, a AC-164, preto da Casa Consistorial e o mosteiro e a igrexa de San Salvador, declarados polo Estado Monumento Histórico Artístico en 1973.  A macrourbanización recibiu todas as beizóns do goberno de Alberto Núñez Feijóo en marzo de 2010, eximindo do trámite de avaliación ambiental estratéxica este proxecto urbanístico para levantar 1078 vivendas na zona da Longueira, entre San Cidre e Santa Marta de Babío. O goberno do PP levantaba así todas as trabas que a Xunta do bipartito poñía para permitir ao goberno bergondés, do PSOE, aprobar esta urbanización.

 

Malia as presións dos promotores a Xunta non se pregou aos seus intereses e só cambiou o seu parecer desde que o PP recuperou o goberno galego. Así, o 8 de marzo de 2010 a Xunta decidía eximir ao plan de sectorización da Longueira da avaliación ambiental estratéxica, dándolle a luz verde que os promotores reclamaban desde un ano antes.

Naquela altura o BNG acusou ao PP de “fomentar os pelotazos urbanísticos sempre que está no poder”, xa que “unha das primeiros asuntos nos que se puxo ao choio foi o de facilitar as cousas á macrourbanización da Longueira”. A formación nacionalista asegurou que a decisión sobre a Longueira era unha “decisión política” que prima o beneficio particular ante a protección ambiental, xa que o impacto do proxecto é “suficientemente importante como para que se procure, polo menos, que o dano ambiental sexa o mínimo posible”.

Os nacionalistas aseguraron naquela altura, e mantiveron sempre, que a operación é “pelotazo urbanístico” e que anuncia a construción de 1.078 vivendas, cando no municipio hai unhas 4.000 -3834 segundo a enquisa da Deputación sobre infraestructuras, 1437 secundarias e 243 baleiras.

Veciños de Bergondo (VB), partido que conformou un bipartito co PSOE na anterior lexislatura, aprestouse a atribuír ao BNG a paternidade da macrourbanización cualificándoa de “viejas tropelías de la izquierda mas rancia, según la entrevista cuenta nuestra alcaldesa socialista en la prensa”. Manuel Fafián, que foi tenente de alcalde de Alejandra Pérez Máquez e non impulsou ningún tipo de iniciativa para darlle carpetazo definitivo á controvertida urbanización, asegura que “a sabiendas que la Longueira no la tumba nadie, nos la tendremos que comer más temprano que tarde mas pequeña que grande a no ser que paguemos los bergondeses por los desmanes de los que ahora alardean de pacto”.

Así, pregúntase se os edís de PSOE e En Marea “querrán esconderla en el plan general o también cambiaran las normas para hacerla a espaldas de los vecinos y decir que no había más remedio que joder a todos los bergondeses porque todavía están en las normas y tenían ya una aprobación provisional, que el propio PSOE Bergondes les dio allá por el 2007”. Insinúa así que os actuais edís de Anova, que formaron parte do BNG no pasado e do que marcharon quedando coas actas, terían cambiado de parecer ao se incorporar ao goberno local.

Advertisements