O PSOE reclama no Parlamento máis fondos públicos para soster a Fundación CIEC

O CIEC ten a súa sede na modernista Casa Núñez

O CIEC ten a súa sede na modernista Casa Núñez

O PSOE demandou no Parlamento que a Xunta se faga cargo do financiamento da Fundación CIEC. A iniciativa rexistrouse practicamente nas mesmas datas en que BN rexistraba unha moción para debatir no pleno da Corporación Municipal practicamente nos mesmos termos, demandando unha maior implicación do Concello no sostemento desta fundación privada e pedindo ao alcalde que fixese canto estimase para capitalizala.

Segundo o grupo parlamentario do PSOE, esta entidade privada tería sido creada “froito do esforzo do artista Jesús Núñez, e o apoio do Concello de Betanzos”. Porén, como o BNG desvelou no debate plenario da pasada semana dando lectura á acta fundacional da entidade, o papel do Concello distou moito de ser simplemente un “apoio” como asegura o PSOE, xa que das arcas municipais saíu o 70% do capital fundacional desta institución privada.

Tras relatar a actividade da fundación, o grupo parlamentario do PSOE bota en cara á Xunta que o financiamento da mesma corra a cargo da “Deputación, o Concello e pequenas achegas de Abanca ou Gadisa”, mentres que o goberno galego non aporta ao sostemento dunha entidade que, aseguran os deputados socialistas, ” ten unha importancia cultural que transcende con moito o nivel local ou provincial, e que é un referente a nivel nacional o que o fai merecente do apoio e impulso das institucións públicas”.

 

Por este motivo, tras preguntar se coñece a Xunta os “problemas que poden poñer en perigo a súa continuidade” demandan coñecer de que forma a Consellería de Cultura e a Xunta teñen pensado colaborar no sostemento desta entidade.

A situación económica desta entidade está envolta na polémica desde hai anos: malia percibir cuantiosas axudas públicas, os empregados denunciaron que non se lles pagaba a nómina, chegando a recorrer á Xustiza para cobrar atrasos. Hai un ano Jesús Núñez reclamaba 3000 euros mensuais limpos para el e a súa dona, manter no cargo de director do centro toda a súa vida laboral ao seu sobriño e unha serie de condicións que o secretario da Corporación declarou como “desorbitadas” para ceder a titularidade da Fundación e da modernista Casa Núñez ao Concello, mantendo el por medio dos seus parentes e achegados o control da entidade vetando calquera tipo de cambio no padroado. CIG e BNG denunciaron que, no seu momento, o goberno municipal do PSOE obrigaba a empregados municipais do servizo de limpeza a acudir a este edificio de titularidade privada a emprestar os seus servizos, como se fose calquera outro inmoble de titularidade municipal.

Advertisements