Tradicións de Nadal e Aninovo: a feira de Primeiro de Ano

Unha panorámica da feira de Betanzos

Unha panorámica da feira de Betanzos

Entramos xa de pleno nunhas datas cargadas de simbolismo, inzadas de tradicións seculares, algunha con máis de dous milenios ás costas e adaptadas ás crenzas cristiás. En torno ao Nadal, ao Aninovo e á festa dos Reis celebramos moitos mitos, mitos e tradicións que afondan as súas raíces mesmo antes dos tempos dos romanos e que fan parte da nosa cultura, do noso pobo. O Nadal existiu antes de que unha marca de refrescos norteamericana cambiase para sempre a cara do vellísimo Pai Nadal, e xa comiamos dóces antes de que entrasen masivamente panettones italianos ou mazapáns españois. Xornal de Betanzos continúa este repaso ás tradicións do Nadal máis noso cunha ollada á feira do Primeiro de ano.

Co triunfo do Sol Invicto sobre as tebras- a festividade que todas as sociedades agrarias asociaron na antigüidade ao solsticio de inverno, cristianizado coma o Nadal e, concretemente, co día da Natividade- viña o momento de festexar a feracidade dos campos, a alegría da vida. Así, comidas copiosas enchen en case todas as culturas as festividades en torno ao solsticio invernal, xunto coa destrución do antigo, do vello, do inverno, da escuridade, e a celebración do que está por vir.

Así as grandes concentracións de bens ocupan un espacio central, sexa na mesa ou antes de pasar por ela. Moitas culturas de raíz agraria aínda manteñen grandes feiras en torno a esta data solsticial, non só na vella Europa preindoeuropea senón tamén nas culturas amerindias. De feito, a presenza de grandes e concorridas feiras está na base de boa parte das celebracións festivas dos distintos países europeos. E tal puido ser a orixe, hai milenios, da feira de primeiro de ano betanceira, por máis que precisasen de privilexios reais para ser celebradas durante a Idade Media con todas as da lei. Da sinatura de Fernando IV é o privilexio real máis antigo coñecido para as feiras que Betanzos celebraba cada primeiro de mes, seguramente desde moito antes.

Unha imaxe da feira de ano novo da galería de La Opinión de A Coruña

Unha imaxe da feira de ano novo da galería de La Opinión de A Coruña

Así, inserida no ciclo agrario anual, a feira de Primeiro de Ano está rodeada doutros ritos e mitos propios da nosa cultura. O día de San Silvestre, véspera da feira e último do ano, era boa cousa segundo os nosos devanceiros folgar, evitar rtraballar pois era mal presaxio, xa que todo o laborado ese ano se perdía e facía desgraza para o ano que entraba. A noite de Fin de Ano abría a porta, como a de San Xoán, ao Alén, e meigas e bruxas andaban polos camiños, para o que se recomendaba gastar todo tipo de amuletos para facer efectivo o ditado de “En San Silvestre, meigas fóra”.

Igual que en San Xoán, está documentado que en moitos lugares se acendían fogueiras, saltábase sobre o lume en previsión de mal de ollo e queimábase un boneco que representaba o ano vello que se quería deixar atrás.  O lume, purificador, libraba de todo isto. Por iso, ademais, era boa noite para facer predicións de futuro.

Na actualidade abundan as festas de Fin de Ano onde os excesos etílicos e os encontros carnais adoitan ser habituais. Non é novo nin signo dos tempos que nos tocaron: antigamente, en tal noite, sorteábanse mozas e mozos nos estrechos, as cédulas ou estreias de tal forma que ao azar se formaban parellas provisionais entre os rapaces e as rapazas do lugar, o que era motivo de gran diversión e facilitaba o coñecemento mutuo e, moitas veces, futuros noivados ou, simplemente, encontros dunha noite, tal e como acontece hoxendía.

A Noite Vella tamén é o tempo no que vén o Apalpador traer galanos aos nenos, é a “Noite do Apalpadoiro” segundo rexistrou Taboada Chivite. Sobre esta figura mítica do Nadal máis enxebre tornaremos nunha vindeira ollada, mais agora tan só diremos que nesta noite de San Silvestre entraba nas casas para mirar se os meniños comían ben tocándolles a barriga. Para curar a fame deixaba unha presada de castañas.

E volvemos á feira, á cornucopia da praza do Campo, para achar tradicións novas que, máis unha vez nos levan a costumes moito máis vellos do que cremos. Deixando a un lado a compra de zapatillas para acomodar pés doídos tras unha noite de troula, sendo porta de tempos renovados era unha data propiciatoria para comprar o gando que tiña que ser sustento no ano recén estreado. Así era boa feira para comprar o porco para a casa- por máis que agora acaben dando voltas pola cidade e bebendo alcol moi ao seu pesar- ou o galo para o último xantar deste ciclo festivo na mesa de Reis.

Dunhas décadas para aquí a abundancia que a feira celebraba no ciclo agrario festéxase, ademais, co chocolate con churros, dóce típico do Nadal galego. Xunto coa xente da comarca, autobuses provintes da Coruña, Ferrol ou mesmo Lugo remataban aquí unha noite de troula tomando este dóce nas primeiras horas da mañá do ano novo. Os máis afoutos ían logo ao recinto feiral de Bellavista a tomar unhas racións de polbo á feira para aguantar a marcha ata entrada a tarde. Estas prácticas veñen sendo menos masivas nos últimos anos, en paralelo ao declive da movida betanceira.

Advertisements