Oza-Cesuras perde poboación por segundo ano consecutivo e incumpre outra promesa da fusión

Ningunha das promesas da fusión anunciada por Feijóo se cumpriron. Lucas (dta) dimitiu e foi condenado por estafa e Cacheiro (esqda) reclama máis premios para seguir sen cumprir as promesas da fusión

Ningunha das promesas da fusión anunciada por Feijóo se cumpriron, nin sequera o medre poboacional. Lucas (dta) dimitiu e foi condenado por estafa e Cacheiro (esqda) reclama máis premios para seguir sen cumprir as promesas da fusión

A fusión de Oza-Cesuras ía ser un revulsivo poboacional para o novo municipio da montaña betanceira, segundo afirmou por escrito e de viva voz o PP cando tocaba defender as bondades da ocorrencia. E así o plasmaron no documento que aseguraba a viabilidade da disolución dos concellos de Oza e Cesuras: a atracción residencial do municipio apadriñado por ENCE e CocaCola como motores de emprego e co sanatorio de Cesuras reconvertido nun flamante xeriátrico que captaría poboación pola franxa alta da pirámide demográfica garantiría ser un dos maiores concellos do rural betanceiro.

Nada máis lonxe da realidade. A teimuda realidade encargouse de botar un tras outro varios xerros de auga fría ás promesas que González Cacheiro segue vociferando a quen se lle poña ao alcance. As dúas macrofactorías declinaron por activa e pasiva radicarse no municipio e o devalo demográfico continúa coa mesma teimosía de antes de camuflar as cifras de dous concellos nun só.

A demografía tampouco se fiou das predicións optimistas do PP e o censo queda ao pechar este ano en 5.181 censados, rexistrando unha caída de 72 empadronados con respecto a 2015. Segue a liña decrecente que sempre rexistraron por separado Oza e Cesuras. Así, desde a fusión Oza-Cesuras foi baixando sucesivamente, dos 5.275 habitantes de 2014 aos 5.253 de 2015 e desde aí aos 5.181 censados en 2016. Achégase á barreira dos 5000 habitantes que o plan de fusión situaba lonxe para garantir unha maior participación nos ingresos do Estado, que cambian ao pasar desa cifra e logo outra vez ao rebasar os 20 000.

E isto malia percibir fondos adicionais que non lle corresponderían a un municipio do seu tamaño. Así, aínda no novo Plan Único da Deputación se mantén a achega a Oza-Cesuras como os antigos municipios de Oza e Cesuras, cando lles corresponderían menos fondos como un único Concello, malia mellorar a porcentaxe ao subir en número de habitantes e núcleos de poboación. O PP daba os ingresos dos dous antigos municipios e un bonus adicional, que é o que retirou a actual Corporación provincial, mantendo os ingresos de dous concellos. Aínda así, o gasto en investimentos suntuarios en lugar de destinalos a mellorar servizos e prestacións fan que o Concello siga perdendo habitantes.

Advertisements