Vilasantar leva a mairo achega do plan provincial de medio ambiente para facer obras de saneamento

Santa María de Mezonzo, en Vilasantar

Santa María de Mezonzo, en Vilasantar

O concello de Vilasantar resultou especialmente beneficiado na segunda fase do plan provincial de medio ambiente, xa que recibe a maior achega de toda a provincia : 70 750 euros, que se destinarán na súa maioría a mellorar as redes de saneamento e abastecemento de auga en diferentes puntos do concello. Así, os fondos provinciais financiarán un proxecto de renovación e mellora nas instalacións da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Présaras, un sistema de depuración deseñado para 400 habitantes.

Os traballos que se van desenvolver consisten na substitución de maquinaria e elementos de control, que garantan unha mellor calidade e continuidade no tratamento das augas e a súa posterior distribución para o consumo da poboación. Así mesmo, melloraranse os equipos de dosificación de axentes químicos desinfectantes e de control dos parámetros que determinan a calidade do auga que se distribúe aos fogares.

Na mesma liña, renovarase e mellorarse o sistema de depuración e control das augas da piscina municipal de Vilasantar, cunha achega de 16.858 euros. O PMA tamén deixa 22.600 euros para executar unha nova rede de saneamento no lugar de Fonte Camba que dará servizo a máis de 90 habitantes. O proxecto comprende a execución de colectores por gravidade e impulsión, un sistema de bombeo, arquetas, pozos de rexistro e equipos de control e xestión electrónica. Asemade, dotarase ao concello dun vehículo 4×4 destinado a actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas accións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.

Advertisements