Doce imaxes para resumir o 2016

En dous días rematará o 2016 e recibiremos o Aninovo. Foron 365 días que marcaron a vida de todos e nos que moitos sucesos de actualidade local repercutiron tamén nas nosas vidas. Escollimos estes doce destellos para resumir o ano, pero podería haber outros moitos. Todos eles tiveron un amplo seguemento no ano que remata nas páxinas de Xornal de Betanzos.

A calidade das augas de baño na comarca, en mínimos inadmisibles

13876331_1580275205607339_4568264796005344591_nSegundo unha directiva europea, co remate do pasado 2015 todas as rías galegas debían estar completamente saneadas. Nada máis lonxe da realidade, como este 2016 se encargou de demostrar amplamente: problemas de contaminación pecharon ao baño intermitentemente a praia de Gandarío, desaconsellaron o baño na de Perbes ou mesmo nalgún momento ameazaron a praia Grande de Miño. É a continuación da ameaza latente que representa esa cepa de hepatite enclavada nos pés da ponte do Pedrido que desaconsellou bañarse nesa praia ou a contaminación de fecais que pecha a bergondesa praia do Regueiro. Doutras, como as padernesas da Xurela ou As Abeleiras, nin analíticas hai. O problema non foi só na auga salgada: varias intoxicacións en Reboredo, en Oza, chegaron mesmo a pechar ao baño o Mendo, o río do que, augas abaixo, bebe Betanzos. Son a imaxe dunha reserva da Biosfera que segue sen garantir o respecto ao medio no que vivimos.

Uns Caneiros sen concurso para as lanchas

Xornal de Betanzos asumiu precipitadamente a organización do concurso de lanchas engalanadas dos Caneiros despois de que o goberno local e ACEBE non o fixeran este ano. A improvisación e escasa difusión levounos a declaralo deserto con só catro instantáneas presentadas e a facer propósito de emenda cara o vindeiro ano. Para desfacerse da violencia machista nos Caneiros e nas festas, os nacionalistas lanzaron unha campaña a base de viñetas nas redes sociais. Polo demais, a romaría rexistrou sustos coa viraxe dunha embarcación mais pouco a pouco semella ir desfacéndose de elementos alleos. Para as festas o goberno local decretou a fin da crise e tirou a casa pola ventana con 50 000 euros en orquestras e Ariel Rot e Celtas Cortos.

O tráfico no Casco Histórico provoca baixas en ACEBE

Coches aparcados na praza de Santa María, un dos lugares onde se propón instaurar o Parking exprés

Coches aparcados na praza de Santa María, un dos lugares onde se propón instaurar o Parking exprés

Unha nova entidade dedicada á dinamización comercial organiza estes días unha campaña de Nadal no Casco Histórico. É o resultado de unha parte dos comercios do Casco Histórico decidir prescindir de ACEBE por entender que non respaldaba as súas exixencias de maior permisividade co estacionamento e circulación rodada no Casco Histórico. A Asociación de Amigos do Casco Histórico entrou tamén nunha polémica que o goberno local non dá resolto malia prometer hai anos un “aparcamento express” que devolvería os vehículos con todas ás da lei a rúas como Travesa ou do Castro. O BNG lanzou un plan alternativo con diversas medidas para residentes, comerciantes, clientes e residentes e alternativas para servizos como a Pescadería ou a escola infantil municipal e BN remitiu esta semana un panfleto no que propón zona verde para residentes na Ribeira. Polo momento non hai decisións no Concello ao respecto.

Dúas leis na comarca a propósito de os concelleiros cambiar de grupo

Muíño (dereita) e Sánchez Oroza (esquerda) son os dous edís de CxG na comarca

Muíño (dereita) e Sánchez Oroza (esquerda) eran dous edís de CxG na comarca

En Curtis os edís do BNG abandonaron o grupo quedando coas actas. En Betanzos o único edil de CxG fixo o propio. Mentres en Curtis os técnicos municipais e da Deputación manifestaron que resultaba irregular que os edís creasen outro grupo diferente ao que concorreron nas eleccións de 2015, en Betanzos a secretaría avalou o que consideran “cambio de nome”. A máxima unha candidatura, un partido, un grupo é aplicada de xeito totalmente diferente nestes dous concellos da comarca. En Curtis goberna o PP con maioría absoluta, en Betanzos o goberno en minoría do PSOE ven botando man de maneira recorrente do apoio deste edil, que polo grupo ingresa 800 euros mensuais. O “cambio de nome” supuxo que CxG se queda sen representación nas Mariñas logo de que a marcha de Ricardo Sánchez Oroza, rexedor co apoio do PP, deixase sen concelleiros ao grupo en Miño.

A refacer o PXOM por falta de acordo no modelo de cidade

O PSOE lanzou unha campaña contra BNG e PP co pretexto de non aprobarlle o PXOM, incumprindo a ordenanza de limpeza

O PSOE lanzou unha campaña contra BNG e PP co pretexto de non aprobarlle o PXOM, incumprindo a ordenanza de limpeza

Eran dous modelos de cidade diferentes: seguir a construír ou rehabilitar, respectar os ríos e os núcleos tradicionais ou achicalos ao máximo, meterlle man á ruína do Casco Histórico ou diferilo a algún momento impreciso dun futuro sen concretar. Coa cidade mermando poboación desde hai anos- pechamos 2016 por baixo dos 13 000 habitantes- o PSOE xogou a unha carta aprobar un PXOM que pretendía levantar máis de 2000 novas vivendas e un novo núcleo en Infesta. Enfronte deste PSOE xordo, un BNG que viña alertando de que non apoiaría ese modelo de cidade desde 2014, un BN que tomaba os argumentos feitos públicos polo BNG nos anos anteriores e advertía da necesidade de rehabilitar, CxG criticando a falta de participación no proceso e un PP que se aferraba a un informe demoledor da Intervención municipal para cuestionar o PXOM. Choque de trens e goberno noqueado por toda a oposición.

O PSOE vingouse cargándolle a responsabilidade de non asumir o seu modelo de cidade a PP e BNG. En artigos de opinión, notas de prensa e panfletos, os socialistas arremeteron contra quen non asume o seu programa en lugar de explicar, sequera nunha frase, por que non aceptaron ningunha das anotacións das outras forzas. Mesmo fixeron campaña distribuíndo un panfleto nas eleccións a Cortes de xuño para insistir nestes argumentos. Distribuído por baixo das portas das vivendas incumprindo, por certo, a ordenanza de limpeza.

Acordo para uns orzamentos sen fondos para o convenio colectivo

Coa lección dos orzamentos e a decisión de arremeter contra BNG e PP, o PSOE negociou os orzamentos con BN e CxG e conseguiu, por primeira vez desde que Ramón García é alcalde, aprobalos no Pleno sen tretas. BN quixo facer ver que un anuncio no xornal de ACEBE era transparencia e participación veciñal e mesmo repetiu a xogada o pasado mes. Porén, xunto a subas para servizos contratados a empresas externas ou en gastos como as festas, as contas non teñen os cartos precisos para cumprir co convenio colectivo do persoal do Concello que acaba de aprobar o Pleno logo de insistir por ano e medio os traballadores municipais.

2016, o ano dos leóns de Covadonga

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

Betanzos Novo votou este ano en contra de que o Concello adquira e rehabilite a Casa Gótica

Repatriar os leóns vendidos polos descendentes dos García Naveira en 1970 ao santuario de Covadonga e negociar a devolución dos capiteis expoliados do claustro do mosteiro de San Francisco foron as ideas do goberno local para vender a súa xestión en patrimonio histórico este ano. Un ano no que, por fin, rematou a obra de rehabilitación do palco da música do Cantón e no que un chimpín levou por diante parte da ponte vella das Cascas.

A ocorrencia do goberno local sobre os leóns sentou mal precisamente nun ano no que hai unha campaña veciñal a prol do centenario parque e no que Casco Histórico, mosteiro de Donas ou fábrica da luz seguiron o seu progresivo deterioro malia promesas electorais do goberno e demandas de actuación da oposición. O ano que remata foi, tamén, o ano no que Betanzos Novo votou en contra de que o Concello adquira a Casa Gótica para rehabilitala e acoller servizos municipais; o voceiro de BN dixo que sería  premiar ao propietario que deixou arruinarse o edificio e asegurou que o Concello non está para comprar inmobles, preguntando se tería que adquirir todos os edificios arruinados pola desidia dos seus propietarios.

Conflictos laborais en Tafiber e o CIEC

Un momento dunha concentración ante a planta de Tafiber- agora Betanzos HB

Un momento dunha concentración ante a planta de Tafiber- agora Betanzos HB

Betanzos HB, a antiga Tafiber, viviu un duro conflicto laboral este ano. Varias sentenzas por despedimentos en represalia a accións sindicais e a imposición dun convenio colectivo peor por parte da firma sacaron aos traballadores á rúa, protagonizando marchas, concentracións e acordos plenarios nun ano no que, ademais, trascendeu que a factoría verqueu á ría a auga do seu proceso industrial sen autorizacións. Na Fundación CIEC os impagos a traballadores quedaron tapados pola situación financieira da entidade, que exixe máis fondos públicos sen ceder os patronos o control da entidade ás administracións. Os técnicos municipais riscaron este ano de “desorbitadas” as pretensións do creador da fundación, Jesús Núñez, de ceder a titularidade da modernista Casa Núñez e as coleccións artísticas depositadas nela a cambio de 3000 euros mensuais limpos para el e a súa dona, manter no cargo de director do centro toda a súa vida laboral ao seu sobriño e unha serie de condicións que o secretario da Corporación declarou como “desorbitadas” para ceder a titularidade da Fundación e da modernista Casa Núñez ao Concello, mantendo el por medio dos seus parentes e achegados o control da entidade vetando calquera tipo de cambio no padroado.

Acaba esta ORA, pero ven outra e nos servizos aumentan as privatizacións

Un parquímetro da ORA no centro de Betanzos

Un parquímetro da ORA no centro de Betanzos

Logo de anos debatíndoo e de novos incumprimentos da concesionaria (neste caso das melloras apalabradas o pasado ano daquela maneira para evitar resolver o contrato) o PSOE por fin deu o brazo a torcer e, virando a súa postura no pleno, accedeu a poñer fin á concesión da ORA. Pero será para facer unha nova. Non supón poñer baixo control as concesións municipais exactamente, senón dar por finalizado o contrato para non depurar responsabilidades. Este ano que remata volveu ser evidente que o executivo local non ten vontade para reconducir a situación de outras, como o Hotel San Roque, que volve a estar subarrendado de forma irregular. As deficiencias en traída e saneamento tamén motivaron varias mocións dos nacionalistas para concluír a concesión da que goza Aquagest-Viaqua, que logrou desfacerse das piscinas e o polideportivo cedéndollas a outra empresa, operación que contou co plácet inicial de todos os grupos da Corporación hai un par de meses, a excepción do único voto en contra do BNG, se ben na adxudicación á nova firma algúns rectificaron o sentido do voto.

Ata a organización de eventos, como a gala do deporte, foron privatizadas este ano. Privatizouse o cemiterio cun “contrato de apoio ás tarefas” do enterrador, os servizos de limpeza malia ter lista de substitución, o “apoio” na organización da Feira Franca Medieval que remata cando finalizan as festas patronais ou as actuacións de xardinaría, mantemento viario ou dirección de obras, tendo o concello dúas aparelladoras. Na escola infantil a situación volveu ser especialmente grave cunha prexubilación que non se vía vir e cun panorama que só empezará a resolverse no ano novo porque o goberno local. Porén, contratouse sen problemas unha patroa para a lancha municipal deixando á vista a orde de prioridades do goberno segundo BNG e CIG. O sindicato, ademais, denunciou múltiples irregularidades nas convocatorias para contratar persoal temporal.

 

Estamos peor comunicados que o pasado ano

Con recortes nas liñas de Arriva entre Oza e A Coruña e coa modificación e supresión de paradas que pretende levar adiante Autos Vázquez, que afecta a paradas en Guiliade e Viladesuso, a comarca acaba o ano peor comunicada que o pasado ano. Sobre todo porque a AP9 non se transferirá a Galicia nin se reducirán as súas peaxes e porque o tren segue o seu imparable declive: o goberno central nin transfire as vías para que a Xunta cree unha compañía de transportes nin a monta. E o borrador da área metropolitana pactada polos alcaldes do Consorcio das Mariñas e o da Coruña tampouco fala de que un ente metropolitano asuma o tren de cercanías.

Amaños e carencias no ambulatorio

Imaxe do Centro de saúde do Carregal

Imaxe do Centro de saúde do Carregal

A Xunta, logo de anos de demandas e iniciativas plenarias e emendas aos orzamentos, accedeu por fin a amañar a explanada do centro de saúde de Betanzos, que apozaba en cada temporal grande cantidade de auga. Modificou tamén a porta de acceso, autopechante agora, para que persoas en cadeiras de rodas poidan acceder comodamente. É un lifting aos problemas de fondo do ambulatorio betanceiro, con falta de persoal que provocou titulares este ano, sobre todo no servizo de pediatría que queda ao 50% en vacacións, baixas, ausencias,etc, ou da matrona, porque a Xunta non o cubre.

O Betanzos volveu a Preferente e o Santo gaña a Copa Galicia

A nota deportiva pona o retorno do Betanzos C.F. a Preferente, onde remata o ano fóra dos postos de descenso. O Santo Domingo gañou a Copa Galicia EBA, categoría na que segue militando esta tempada cun arranque moi meritorio. Con prata no campionato estatal e participación no europeo, David Mosquera Lendoiro, Petón, é outro dos nomes do ano no deporte betanceiro.

Advertisements