O Apalpador recalará mañá no Casco Histórico para ver se os nenos e nenas comen ben

O apalpador decorando o casco histórico. No escaparate da libraría Biblos e na sede do BNG (foto do facebook de Biblos)

O apalpador decorando o casco histórico. No escaparate da libraría Biblos e na sede do BNG (foto do facebook de Biblos)

O mítico carboeiro do Courel que visita pola Noite Vella as casas galegas para ver se os nenos e nenas comen ben e deixarlles castañas na cama se teñen fame recalará en Betanzos. A campaña de Nadal de Amigos do Casco e os comerciantes da zona histórica atraerá mañá pola tarde ao Apalpador, que no medio dunha tarde de xogos tradicionais escoitará ás crianzas de Betanzos e comarca. O certo é que o Apalpador xa ten feito do Casco Histórico o seu cuartel xeral nas Mariñas desde hai semanas e xa instalou os seus estandartes en torno á vella praza da Verdura- actuais rúas de Santiago e praza de Lanzós: desde a libraría Biblos e mesmo desde a sede comarcal do BNG o carboeiro do Courel axexa para ver se os nenos e nenas de Betanzos merecen un agasallo maior cá unha presada de castañas asadas, o seu presente tradicional.

Cando o Apalpador se recolla tomará o relevo a igrexa de Santa Marí, que ofrece un concerto do Coro Cantábile organizado pola Unidade Pastoral de Betanzos e a Asociación de Amigos do Casco Histórico e os comerciantes da zona monumental dentro da súa campaña de Nadal. De optar por quedar na praza da Verdura, a Libraría Biblos ofrece desde as oito a presentación dos poemarios de Eva Veiga “Soño e vértice”e “Silencio percutido”, dentro da programación cultural da Feira de Arte Independente Creatas que permanece aberta ata Noite Vella no Matadoiro da Ribeira. A presentación contará con música a cargo de Ouriol e Teresa Seara.

E desde as seis da tarde, mañá o Liceo acolle a representación teatral da obra “O último dragón” interpretada pola compañía Sarabela Teatro, no VIII Ciclo de Teatro en Familia organizado polo Concello de Betanzos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

 

Hoxe remata o prazo para participar no I Concurso de cartas aos Reis Magos e que os pequenos e pequenas depositen as súas cartas nas caixas de Correo Real situadas na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao e mais no Liceo. Xa son moitos os nenos e as nenas participantes que depositaron as súas cartas nos centros de ensino e que participaron no I Concurso de cartas aos Reis Magos. Este concurso, convocado por primeiro ano, pretende animar aos máis pequenos a lle escribiren as súas cartas en galego aos reis, promover a creación escrita entre os máis pequenos e pequenas, así como reflexionar sobre temas como a lingua galega, a solidariedade e a necesidade de sensibilización cos problemas sociais.

Feira, chocolate e polbo para o Aninovo

A fin de semana coincide, ademais, con Noite Vella e Aninovo. Festas en locais, ceas copiosas, uvas e cava rematarán para moita xente da comarca coa xa tradicional feira de Aninovo, que afunde as raíces nos rituais propiciatorios precristiáns. A parada para comprar zapatillas elas, o chocolate nos Soportais e o polbo á feira no recinto de Bellavista son imaxes icónicas que non fallan ano tras ano.

Xornal de Betanzos non se publicará

As datas festivas coinciden coa fin de semana, polo que, como é habitual, Xornal de Betanzos non se actualizará. Porén, desde o equipo que facemos posible a diario este proxecto informativo comarcal non queremos desaproveitar para desexar un feliz Aninovo a todos os nosos lectores e colaboradores. A información retornará puntualmente ás pantallas o vindeiro día 2 de xaneiro, xa do vindeiro 2017.

Advertisements