O parque de bombeiros pecha o ano con 225 actuacións

Os bombeiros de Betanzos acudiron ao sinistro

O parque de bombeiros de Betanzos

A sede da Deputación da Coruña acolleu onte un pleno extraordinario do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña, presidido polo titular do ente provincial, Valentín González Formoso, e que serviu para constituír o Consello Consultivo do Consorcio, un novo órgano que da voz aos alcaldes dos 10 municipios nos que se ubican os parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña (Carballo, Arteixo, Boiro, Ribeira, Ordes, Arzúa, Betanzos, As Pontes, Cee e Santa Comba).

Entre as funcións deste novo órgano está emitir informes previos á memoria anual de actividades do Consorcio e á sinatura de convenios de colaboración como o aprobado hoxe para Ferrol, así como efectuar funcións de comité asesor de protección civil a nivel comarcal e servir como entidade de apoio ao presidente. Ademáis dos alcaldes dos municipios onde se ubican os parques comarcais de bombeiros, o Consello Consultivo conta con dous representantes da Deputación da Coruña, dous representantes da Xunta de Galicia, e está presidido polo presidente do Consorcio provincial contra incendios.

O pleno do Consorcio Contra Incendios aprobou na sesión de hoxe a memoria de actividade do ano pasado, que recolle un total de 1.672 intervencións nos 10 parques de bombeiros comarcais e as intervencións do parque de Ferrol fóra da cidade naval, incluidas no convenio de comarcalización. Destas 1.672 intervencións, 192 corresponde ao parque de bombeiros de Carballo, 305 ao de Arteixo, 240 ao de Boiro, 212 ao de Ribeira, 139 ao de Ordes, 106 ao de Arzúa, 225 ao de Betanzos, 89 ao de As Pontes, 68 ao de Cee, 61 ao de Santa Comba e 35 á comarca de Ferrol.
Por tipo de intervención destacan os incendios en vivendas, locais, naves e vehículos (489), seguidos de incendios forestais (76), fugas de auga e gas (85), accidentes de tráfico (69), excarceracións (54), limpeza de estradas (94) ou retirada de árbores (42). Tamén se efectuaron 27 saídas para actividades preventivas, 6 por derrubamentos, 64 para rescates de persoas, 12 para rescates de animais e 25 simulacros.

O tempo medio de resposta (tempo transcurrido dende a chamada de emerxencia ata a chegada ao incidente) foi de 14,8 minutos e o tempo medio de intervención (dende a chegada dos bombeiros ao incidente ata a súa resolución) foi de 41,34 minutos. Ambos tempos medios redúcense en 3,2 minutos e 5,6 minutos, respectivamente, con respecto aos datos de 2014.

Advertisements