A Cabalgata sairá do centro de formación e rematará no Liceo

Postal gañadora de Nuria Beiro, que ilustrará o programa municipal dos festexos

Postal gañadora de Nuria Beiro, que ilustrará o programa municipal dos festexos

Sen previsión de chuvias á vista e por motivos que son unicamente do coñecemento da Concellería de Festas, que dirixe Diego Fernández,  os Reis Magos meteranse na Aula de Cultura do Liceo tras finalizar o seu percorrido polas rúas da cidade. A ruta deseñada polo executivo local é moi similar á dos últimos anos e voltará a excluír barrios enteiros como A Condesa, As Cascas, A Madalena ou A Ponte Vella.

Así, cando cheguen a Bellavista os Reis Magos subirán ás súas carrozas emprenderán un camiño que os levará polas rúas Rosalía de Castro, Dr. Fariña e baixarán pola avenida Jesús García Naveira para rodear a gasolinera das Cascas- rúas Bartolomé de Cossío e Xoán Viqueira- para remontar a avenida, bordear o Campo polas rúas Emilio Romay e Ferradores, baixando polo Valdoncel á Ribeira e entrando pola rúa dos Cabildos ao Casco Histórico, desde onde se dirixirán pola rúa Travesa ao Campo, rematando no Liceo.

O percorrido, sinalan desde o executivo local, poderá estar suxeito a modificacións polas inclemencias meteorolóxicas- que non se agardan nas previsións- ou por “outros motivos” sen especificar. O executivo non informou dos conxuntos que participarán na Cabalgata nin da posibilidade de anotar cativos para participar como paxes dos Reis nas súas carrozas.

Advertisements