Aranga pretende inzar de eucaliptos 1300 hectáreas de espazo de protección natural

Eucaliptal en Galicia. Imaxe de "Campo galego"

Eucaliptal en Galicia. Imaxe de “Campo galego”

O goberno municipal de Aranga tramita unha modificación do seu Plan Xeral para reclasificar o 9% do seu territorio municipal. A intención do goberno do PP é reconvertir 1300 hectáreas de solo rústico de especial protección de espazos naturais como solo rústico forestal. O executivo conservador recoñece que esta reclasificación responde a unha intención clara de facilitar que esta superficie, o 9% do municipio, se ince de eucaliptos, precisamente cando se ven de facer público que Galicia ten xa máis eucaliptos en pé que Australia, o continente do que son orixinarios.

Segundo o PP, así os veciños poderán tirar beneficios ao plantar a árbore invasora de Australia, sacando rendabilidade a un solo que sostén é “pouco produtivo” coa madeira. As intencións do PP de Aranga baten coa Xunta, que malia facilitar a expansión do eucalipto apadriñada por ENCE coa lexislación de montes, exixe ao municipio da montaña betanceira que esta modificación sexa sometida ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica e ademais deberá realizarse un estudo ambiental estratéxico que inclúa unha análise da paisaxe.

A Xunta sostén que esta reclasificación para inzar de eucaliptos Aranga dáse en parte das zonas núcleo e tampón da Reserva da Biosfera, afectando a 944 hectáreas en Vilarraso, 284 en Fervenzas e 100 na zona de Aranga, nas que hai un total de nove humedais incluídos no inventario de Galicia nos que vive un fento acuático en perigo de extinción, ademais de outras especies ameazadas como unha rá, un ave rapaz e outras especies protexidas pola Unión Europea.

Ademais, afecta tamén ás turbeiras e queiroas das brañas do Deo, un espazo de interese natural que xa teñen serios problemas de conservación a causa, precisamente, da proliferación de eucaliptais no seu entorno. A Xunta reclama a Aranga preservar estes enclaves e establecer corredores ecolóxicos. A Consellería sostén que hai que “garantir a máxima difusión entre o público” deste proxecto e ademais, simultáneamente, o Concello deberá solicitar informes sectoriais de distintas administracións (Calidade e avaliación Ambiental, Conservación da Natureza, Medio Ambiente, Ordenación Forestal), e de colectivos (Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural). O Concello deberá resolver as alegacións e ata integralas se é necesario e elaborar un documento resumo no seu estudo ambiental estratéxico.

Advertisements