O goberno local anuncia novas obras de mantemento no centro

Rúa Travesa. Fotografía da web do Concello de Betanzos

Rúa Travesa. Fotografía da web do Concello de Betanzos

O Concello acometerá unha serie de traballos de amaño de diversas rúas do centro urbano, situadas na súa maior parte na zona histórica. Trátase de pequenas actuacións que afectarán tanto a beirarrúas como á calzada e que o Concello pretende executar nas próximas semanas, cun importe que supera en algo os 40 000 euros. A maiores destas obras iniciaranse o proxecto de pavimentación e renovación de servizos na rúa Pinche, en concreto, as canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga, e o pavimento.

A rúa do Pinche é unha das cinco travesías da rúa Travesa que comunica esta coa rúa da Cerca e que, do mesmo xeito que as demais, destaca polo seu importante desnivel e polo seu comezo cun tramo de escaleiras, polo que o acceso rodado pode realizarse unicamente a través da rúa da Cerca ou a través de Santa María coa que entronca aproximadamente na metade da rúa.

O pavimento de formigón atópase bastante deteriorado, con fisuras, e cunha rede de servizos que tamén sufriu o paso do tempo, a través da que se produce filtracións que afectan os veciños. A pavimentación realizarase con laxas de granito en toda a superficie, e incluirá tamén a substitución das escaleiras do primeiro tramo e mantendo as mesmas no segundo. O custo da obra é de 81 209 euros.

Advertisements