O Nadal xenuinamente galego: a música

Probablemente unha das primeiras representacións da festa dos Reis en Betanzos está na porta principal de San Francisco. Foto de El Sexagenario

Probablemente unha das primeiras representacións da festa dos Reis en Betanzos está na porta principal de San Francisco. Foto de El Sexagenario

Estamos a piques de rematar unhas datas cargadas de simbolismo, inzadas de tradicións seculares, algunha con máis de dous milenios ás costas e adaptadas ás crenzas cristiás. En torno ao Nadal, ao Aninovo e á festa dos Reis celebramos moitos mitos, mitos e tradicións que afondan as súas raíces mesmo antes dos tempos dos romanos e que fan parte da nosa cultura, do noso pobo. O Nadal existiu antes de que unha marca de refrescos norteamericana cambiase para sempre a cara do vellísimo Pai Nadal, e xa comiamos dóces antes de que entrasen masivamente panettones italianos ou mazapáns españois. Xornal de Betanzos culmina con esta reportaxe unha vista ao Nadal de raíz, e facémolo cunha ollada á música, ás cancións populares destas datas.

Porque antes de que Adeste Fideles saíra co seu latín das igrexas, antes de que Los peces en el río inundasen todo e moito antes de que Jingle Bells ocupasen as ondas sonoras practicamente desde finais de outubro, o noso pobo xa cantaba o Nadal. E facíao con tal profusión que cada canción tiña un nome de seu: panxoliñas e Nadais para o Nadal, Aninovos para o San Silvestre, Manueles para o primeiro de ano, Reises ou aguinaldos para o día de hoxe e mañá… Son unha colección inabarcable, tal vez con centos de entradas perdidas malia os esforzos, desde o século XIX, por recollelas por musicólogos como Bal y Gay, Casto Sampedro ou Santalices, entre outros moitos.

O primeiro e obrigado é unha vista breve ás orixes. En opinión dalgúns estudosos o costume de ir cantar estas pezas de xeito itinerante polas casas, solicitando o aguinaldo, é o feito diferencial da tradición galega, que a entronca directamente coas tradicións propias que teñen a súa orixe nos cultos solares. O canto do aguinaldo por nenos ás portas é case mimético ao “dóce ou broma” que a filmografía estadounidense amósanos no Halloween, e pon en relación ambas festas coa tradición dos nosos devanceiros, co culto aos mortos na liña do que estudou tamén Levi-Strauss arredor da data do Nadal.

A cuadrilla de mozas e mozos, reiseiros nalgunhas comarcas do país, xuntanse percorrendo a vila ou o rueiro, pedindo algo a cambio dos seus cantos. Dóces tradicionais- compota, papanduxos, papas de arroz ou amendoados- ou mesmo tiras de touciño ou restras de chourizos. Entroncando coas cantigas de maldicer, se non hai aguinaldo, hai copla ofensiva. Acompañábanse de bombo, tamboril e os denominados instrumentos humildes, cunchas, tarrañolas, piñas, e calquera dos que se poden atopar facilmente nas casas de aldea, como botellas de anís ou latas de pementón.

A maior parte dos cantos do ciclo de Nadal de orixe popular están en castelán, ou mais ben en castrapo, o que evidencia a orixe eclesiástica de moitos deles así como o conflito lingüístico que hai no noso país. Tamén é normal que, nunha cántiga en perfecto galego, atopemos unha ou mais coplas en castelán, de orixe moitas veces zamorano ou leonés, froito da evidente inexistencia de barreiras artificiais para o folclore. Finalmente debemos citar algún caso risible, onde o recollido é a versión adaptada para executar nas casas dos caciques, políticos madrileños e señoritos varios, nos que se traducían as coplas galegas ao castelán para agrada-los anfitrións.

Os cantos do ciclo de nadal, de xeito especial os de Reis, comezaban cunhas estrofas de presentación do grupo, na que se pedía licenza para cantar. De contado viña o propio canto, ou cantos para rematar cunha estrofa de recoñecemento ós da casa onde cantaban, ao recibires o aguinaldo, se este era o que o grupo estimaba xusto, ou cunha copla de escarnio se o recibido era desproporcionado coa riqueza da casa. Finalmente tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban os da casa a danzar.

Finalmente, cómpre distinguir as panxoliñas, o canto tradicional de Nadal deste país, cos vilancicos. Estes últimos son música culta, dos cabildos de grandes igrexas e catedrais, onde no século XVII se introducen pastores e temas galegos nas cantigas litúrxicas de Nadal. Mais, en todo caso, son alleos á nosa tradición.

Hai, iso si, panxoliñas dalgúns dos mais sobranceiros poetas galegos contemporáneos, como Celso E. Ferreiro, Manuel María, Ben-Cho-Shey, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro, Faustino Rey Romero, etc., datados nos primeiros anos da posguerra. De 1951 é esta do poeta da Terra Chá, Manuel María:

Hai un vento cheo de frío
apousado nos camiños
e no ar un asubío
todo cheo de aloumiños
pero un vento milagreiro
nascerá pol-o Nadal
brilará coma un luceiro
pra alumear o portal.

Xa nas ponlas dun carballo
nasceu un vento ventiño;
ten doces versos de orballo
e azas de paxariño.
Ten azas de paxariño
e craridades de día,
que llas deu Jesús Neniño
e Santa Virxe María.

Facemos agora unha breve recollida con un par de letras de cada tipo de canto tradicional de Nadal. Ao remate, indicamos unha serie de enlaces onde se poden recoller moitas máis para tratar de evitar que se perda esta parte importante da nosa identidade.

Nadais

Imos levar unha pouca roupiña
tres polas, dous galos, mais unha galiña,
un añiño, dúas pombas sin pel,
tres rulas ó xeito e un tarro de mel.

Ai, Meu Neno,
Meu Rei, Meu Meiguiño,
non tés un albergue,
non tes un leitiño.
Sin arrimo, nas pallas estás,
ai, Meu Queridiño, que frío terás.

Teñen, teñen, as pegas, as melras,
e os paxaros, teñen niño,
e o Rei de ceos e terra,
non ten casa nin leitiño.

Aninovos

Ano novo, Ano novo,
Ano novo aqui vés,
polos que na casa estamos
polos de fóra tamen
Señora María
dénos o aguinaldo
se nolo ha de dar,
que vimos de lonxe,
teremos que marchar

Manueles

Manuel, Manueliño
Manuel da casa alta
moito che queren as mozas
porque tocas ben a flauta

ai vai manuel,
deixaino pasar
vai tomar amores
á beira do mar

Reises

Déame o aguinaldo, señora por Dios;
que venimos catro e cantamos dous.

Déame o aguinaldo, anque seña pouco:
un touciño enteiro e a mitá doutro.

Levántese, señora, do seu sentadeiro,
vaia ó touciño e fágalle un cambeiro.

Déanos o aguinaldo, señora casada,
ovos, torresmos e longaínza asada.

Neste outro cantar de Reis non hai aguinaldo. Esta é a resposta:

Cantámoslle os reises
Guedellos de cabra;
Cantámoslle os reises
e non nos deches nada.

Recursos

 

O Consello da Cultura Galega ofrece o seu arquivo. Tamén a Coordinadora de Equipas de Normalización. Para recolleitas anteriores, o Cancionero Musical de Galicia de Casto Sampedro y Folgar (ed. facsímil da Fundación Barrié, biblioteca municipal) ofrece unha boa escolma.

De lejos venimos
los que aquí llegamos
se nos dan licencia
os reices cantamos.
Y si no la dan
señor cantaremos
con buenas palabras
encomenzaremos.
É descortesía
é desobediencia
a puerta de un hombre
cantar sin licencia.
Cantade muchachos
que es preciso andare
y antes de las doce
a Belén llegare.
A Belén camina
la Virgen María
San José llevaba
en su compañía.
Como quier que yo vaia
en su compañía
está la noche oscura
perderán la guía.
Compañía santa
digna de adorare
antes de las doce
a Belén llegare.
Esta estrella nueva
que nos ilumina
contempla sus tierras
con grande alegría.
Denos aguinaldo
si no-lo han de dar
que somos de lejos
queremos marchar.
Déanos aguinaldo
anque sea pouco
touciño e medio
e a mitá de outro.

Cuatro nobles somos
los que aquí venimos
si nos dan licencia
los Reyes decimos.

Otros cuatro somos
los que aquí llegamos
si nos dan licencia
los Reyes cantamos.

Escuchen, señores,
un caso saliente,
que los tres Reis Magos
se apartan de Oriente.

Se apartan de Oriente
y dejan su reino
sólo por buscar
al Rey de los Cielos.

Fueron caminando
con grandes deseos
y siempre diciendo
¿donde lo hallaremos?

Por tales deseos
que llevan de hallarlo
a casa de Herodes
fueron preguntando.
Les contesta Herodes
con soberbia a ellos:
¿Qué es lo que buscais
por estos mis reinos?

Al César, el rey
que es muy poderoso;
venimos buscando
por El Niño Hermoso.

Al César, el rey,
rey e Monarquía,
venimos buscando
la Virgen María.

En un Portal viejo,
viejo y derrubado,
allí lo hallaron,
pobre y desnudado.

Advertisements