O Concello volve contratar o obradoiro de radio tendo tres profesionais de Radio Betanzos en nómina

O logotipo de Radio Betanzos foi deseñado por Luis Galán

O logotipo de Radio Betanzos 

Mentres a radio municipal permanece pechada- agora nin os plenos emite- o goberno municipal de Betanzos volve a contratar a dous profesionais externos para impartir un novo obradoiro de radio “interxeracional”, entre febreiro e maio deste ano, todos os venres, de 18.00 a 20.00 horas, no centro social da terceira idade ubicado no Cantón Pequeno, oficialmente Cantón de San Roque.

O goberno municipal volveu optar por contratar aos xornalistas Sergio Pascual e Lucía Abarrategui para impartir este obradoiro, que, segundo o comunicado remitido polos profesionais de comunicación do Concello, quere ser “un punto de encontro entre persoas de diferentes idades que queiran achegarse ao medio radiofónico”.

Contrato sen publicitar e tres comunicadores en nómina

Dado que o goberno local anuncia o obradoiro e a identidade dos docentes hai que entender que a súa contratación xa foi realidada. Sen embargo, resulta imposible localizala no portal de transparencia do Concello, tanto no apartado de contratos como nas actas da xunta de goberno local (a última é do pasado 13 de novembro). O portal de transparencia do Concello segue a ter un funcionamento moi deficiente malia que hai un concelleiro do goberno local, Andrés Hermida, ao que se lle puxo un salario para este cometido, como o propio alcalde anunciou cando expulsou da xunta de goberno local a Antonio Vázquez Lorenzo.

O goberno do PSOE opta por externalizar este servizo malia que, segundo os datos de persoal que se poden consultar no web municipal, o Concello ten en nómina tres profesionais de comunicación: dous locutores da radio- un director, ademais-, e un técnico de son. Dado que Radio Betanzos está pechada, hai que entender que son certas as denuncias da oposición de que asumen cometidos completamente diferentes aos que motivaron a súa contratación.

Advertisements