Bergondo licita a reparación da cuberta da Senra apenas dez anos logo de inaugurala

O edificio da Senra onde se celebrará a Asamblea

O edificio da Senra 

Corría o ano 2000 cando o Estado devolvía o edificio da Senra, ou o que quedaba del, ao municipio de Bergondo para cumprir as fins fundacionais que o franquismo impedira. O goberno do socialista José Fernández Ramos meteulle a pala ao vello e decrépito inmoble financiado polo Centro de Instrucción y Recreo de Bergondo y sus Contornos nos anos 30 e construíu de cero un moderno complexo que na súa fachada principal imita ao do edificio que levantou o colectivo de emigrantes bergondeses en Nova Iorque. Logo de cinco anos de obras, a nova Senra abría as súas portas no ano 2007, con mil veciños convidados ao acto inaugural, xunto con descendentes dos fundadores do complexo orixinal.

Agora, aínda non transcurridos dez anos da inauguración do centro que acolle ximnasio, salón de actos, biblioteca e dependencias para cursos, a cuberta produce numerosas filtracións. Máis de 51 000 euros custará corrixir todos estes desperfectos, segundo acaba de publicar o Concello para licitar os traballos. Segundo o prego de condicións para o contrato, hai “graves problemas de acabados, envejecimiento prematuro e deseño de encontros e detalles constructivos francamente mejorables”.

Así, aínda non transcurridos dez anos da recepción do edificio polo Concello, será preciso refacer as zonas de encontro das cubertas e acometer melloras nas dúas torres simétricas situadas a ambos os dous lados da entrada, que actualmente dispoñen dunha cuberta plana que produce filtracións. Segundo as condicións técnicas que o Concello fai públicas para buscar un contratista que as repare, o principal problema prodúcese na unión destes torreóns, aínda que tamén existen filtracións por falta de mantemento e imperfeccións de remates. Para acabar con esta situación a memoria prevé a substitución da impermeabilización das cubertas planas dos torreóns e a reparación das unións, xunto coa inspección de toda a cuberta e reparación das partes defectuosas que puidesen ocasionar desperfectos, como tellas soltas ou en mal estado. O prazo para amañalo será de seis meses.

O contrato inclúe a reparación da cuberta da escola unitaria de Lubre, pechada a causa das filtracións e humidades. Co alumnado acudindo a Carrio, o goberno local dá dous meses para cambiar a cuberta, facendo unha nova con tella cerámica sobre placas de fibrocemento, mellora do illamento térmico e acondicionamiento acústico da aula con falso teito. O prezo no que taxa estes traballos é 16.620 euros.

Advertisements