O BNG recorre a contratación do paseo e os ecoloxistas anuncian protestas

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

O BNG presentou onte un recurso en contra da licitación, por parte do Concello de Betanzos, das obras do paseo do Mandeo por investir cartos de Betanzos no Concello de Coirós. “O Concello de Betanzos non pode contratar unha obra para facer no municipio do lado, iso é como se a Xunta de Galiza constrúe unha escola en Extremadura” explicou o portavoz municipal das nacionalistas, Henrique del Río. “Unha parte do percorrido desta senda transcorre polo término municipal de Coirós, onde o Concello de Betanzos non é competente para actuar como unha administración pública”, explica o voceiro do BNG. “E polo tanto, entendemos que o Concello de Betanzos non pode contratar e executar unha obra pública no municipio colindante”, engade.

O recurso presentado polas nacionalistas tira da Lei de réxime local para deixar claro que “o término municipal é o territorio en que o Concello exerce as súas competencias”. “A parroquia de Armea, pola que pasa parte da senda que pretende construír o goberno municipal de Betanzos, non está dentro do municipio betanceiro”, remarcan. Isto fai que, tanto segundo a Lei de contratos do sector público como segundo a Lei de procedemento administrativo, tanto a aprobación do proxecto de obra como a licitación dun paseo que sobarda os límites do municipio betanceiro poidan ser nulos de pleno dereito por estar “dictados por órgano manifiestamente incompetente por razón da materia ou do territorio”.

As nacionalistas solicitan, polo tanto, que o Concello de Betanzos revise os acordos que levaron a ter en licitación actualmente este paseo xa que o consistorio betanceiro non pode actuar no municipio colindante de Coirós. Nese mesmo sentido, demandan que se anule mesmo a aprobación do proxecto por parte do Pleno- co único voto en contra do BNG- en agosto de 2014. Indican, ademais, que o orzamento municipal en vigor, o pactado en 2016 por PSOE, BN e CxG actualmente prorrogado, non contempla ningunha aplicación orzamentaria coa cantidade precisa para financiar este contrato de máis de medio millón de euros. “A lei tamén di claramente que son nulos os contratos que non teñan o respaldo orzamentario suficiente”, recorda Del Río. “Unha de dúas, ou hai algunha modificación do orzamento que non se comunicou ao Pleno para incluír isto ou é nulo”, indica.

As entidades ecoloxistas anuncian medidas de protesta ante a obra

O BNG mantivo tamén unha xuntanza coas entidades ecoloxistas que asinaron un proxecto alternativo ao do goberno local en 2014 para valorar os pasos a seguir desde que o PSOE sacou a licitación o proxecto sen incorporar ningunha das achegas destas entidades, que o farían menos agresivo co medio. Ademais, Adega, Sociedade Galega de Historia Natural, a Plataforma en Defensa da Ría e Hábitat, entre outras, mantiveron un encontro onte para abordar as medidas necesarias para forzar ao Concello de Betanzos a incorporar as súas propostas. As asociacións teñen previsto celebrar charlas informativas e unha nova camiñada reivindicativa para esixir modificacións nos enclaves con especial valor natural, como o carrizal de San Xiao que, inciden, dá acubillo a un ave en perigo de extinción: o escribano palustre.

Os colectivos alertan de que a construción dun paseo a beiras do río provocaría danos en hábitats de interese e abogan novamente por modificar parcialmente o trazado e utilizar unha senda paralela ao carrizal que xa está existe, co que se reduciría tamén o custo da obra. Outra das súas demandas pasa por desprazar a rede de saneamento prevista para afastala da beira do Mandeo. Os ecoloxistas opóñense tamén á instalación de farolas en varios tramos, a construción dun paseo pilotado por enclaves naturais ou dunha escollera. Desde a Plataforma en Defensa da Ría alertaban onte do impacto da actuación en enclaves con especies protexidas. O colectivo, en sintonía co resto das asociacións, defende a conveniencia de executar cambios que mesmo permitirían reducir o custo da obra.

Advertisements