Compañías galegas, portuguesas e españolas cítanse no VIII Encontro de Teatro Afeccionado

teatroA Agrupación Teatral Mariñán e o Concello de Betanzos presentaron o Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos 2017, que acada este ano a súa oitava edición abrindo a participación a compañías españolas e portuguesas. “Seguindo o criterio de traer a Betanzos o mellor teatro afeccionado para disfrutalo de maneira non competitiva, a organización escolleu as catro obras que compoñen esta edición dun total de 46 presentadas, o que tamén supón a maior afluencia de peticións desde que no ano 2010 dera comezo esta cita teatral” explican desde a agrupación amateur betanceira.

Como ven sendo habitual, as representacións serán de acceso gratuíto igual e terán lugar durante os sábados de febreiro ás 20:00 h na Aula de Cultura do Edificio Arquivo. Inaugurará esta edición o día 4 a obra “Cervanterías” de Medievándalos, compañía de Santiago de Compostela. É unha obra de teatro clásico do século de ouro para todos os públicos, cunha selección de entremeses de Cervantes de 60 minutos de duración gañadora do 1º premio da categoría senior no XIX Certame Candilejas Don Bosco 2016.

Séguelle o 11 “La puta enamorada” do Grupo de teatro Intercazia (de Benavente, Zamora), compañía organizadora do Certamen Nacional de teatro para aficionados Ciudad de Benavente, que presenta un drama histórico para maiores de 16 anos e de 90 minutos de duración premiado nos certames de Palencia e Cáceres do ano 2014.

O 18 será o turno de “Frankenstein” a cargo do Grupo de teatro Badius de Baio, unha comedia para todos os públicos de 90 minutos de duración baseada na famosa película de Mel Brooks. O 25, “À deriva de Ajidanha” trae desde Idanha a Nova o teatro afeccionado de Portugal e abre as portas da Lusofonía a Betanzos, cunha comedia que desde 2013 ven percorrendo escenarios en ambos os dous estados.

Pecha a organizadora, Mariñán, ao día seguinte (domingo 26) coa reposición de “o de menos é o nome”, unha comedia de 75 minutos para todos os públicos.

Advertisements