O alcalde promete que modificará o paseo despois de contratalo para calmar as críticas

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNGf

O goberno local insistiu onte en que a polémica contratación das obras do paseo entre o paseo da Tolerancia e Os Caneiros conta con todos os informes favorables e negou que se vulnere a legalidade a pesar de contratar traballos no concello veciño de Coirós, onde o Concello de Betanzos non ten competencias para actuar. O executivo minimizou o impacto ambiental que cuestionan nove entidades culturais e ecoloxistas da comarca e mais o BNG e asegurou que a obra, cuestionada polo elevado gasto, vai ser “ben acollida polos veciños”. Algo que semella estar lonxe de ser certo ao ver como o goberno local promete modificar o paseo cando xa o teña contratado e en execución.

Segundo o propio goberno local manifestou onte ao xornal La Opinión algunhas- sen concretar cales nin asinar compromiso algún- das demandas dos ecoloxistas “serán tidas en conta no momento de execución da obra”. O goberno de Ramón García lanza á desesperada este anuncio, sabendo que a obra se contrata en base a un proxecto determinado e pechado, ao que precisamente veta calquera posibilidade de mellora ao prohibilo expresamente no clausulado dos pregos de contratación. “Hai que ter en conta que a contratación vaise a realizar en función de multiplicidad de criterios [é dicir, non só do factor preciar] e que un dos puntos a evaluar na obra é o tratamento medioambiental” insisten, cando en realidade este epígrafe remítese ao tratamento que se lle dá aos restos e residuos de obra e non á introdución de actuacións non previstas no proxecto orixinal.

Segundo o goberno municipal, o trazado da senda xa foi modificado en 2010- a aprobación do proxecto en licitación produciuse o 26 de agosto de 2014 así que a información facilitada polo goberno do PSOE é cando menos inexacta- para non afectar ao carrizal de San Xiao onde reside unha ave en grave perigo de extinción asociada a xunqueiras como a escribenta das canaveiras. Os ecoloxistas consideran insuficiente o cambio producido no proxecto anterior de 2010 e alertan do impacto dunha pasarela pilotada 120 metros e un reencho de 700 metros para facer un camiño de xabre pola parte traseira do carrizal, a carón do xa existente camiño de Armea.

Tamén defende o goberno socialista botar a rede de saneamento dentro do ámbito de influencia das mareas. “Que é máis coidadoso co medio ambiente, verter directamente á cuenca fluvial ou adoptar esta solución?” pregunta o PSOE, obviando que esta canalización é necesaria porque a finais dos anos 90 permitiu construír o último bloque de pisos da rúa dos Ánxeles sen exixir a súa conexión coa rede municipal de saneamento e que decidiu que sexan os veciños quen paguen esta obra en lugar de repercutir este custo no promotor ou en quen deu a licenza a pesar de non estar enganchado á rede. Os ecoloxistas sosteñen que se pode botar a canalización de saneamento pegado aos edificios, sen tocar a beira do río.

Sobre a escollera que o proxecto inclúe dentro do término municipal de Coirós, segundo o goberno local é a intervención necesaria para evitar que se afunda o camiño nun futuro. As entidades ecoloxistas censuran que se cubra de formigón 30 metros de beira do río en Rede Natura e avogan por recuperar o vello camiño público, uns metros adentro, en terra firme. O goberno do PSOE teima en soster que a avaliación ambiental do proxecto non é precisa e reduce a crítica da Defensora del Pueblo á falta de garantías de conservación para a escribenta a que a alta comisionada das Cortes “interesouse” se hai ou non avaliación ambiental.

Advertisements