O Festival Folclórico das Garelas pecha a programación de Nadal do Concello

gaiteiro-amareloA aula de Cultura acollerá mañá unha nova edición do Festival Folclórico de Betanzos. Cinco formacións actuarán na cita, entre elas, a entidade organizadora, a Asociación Cultural Santo Domingo As Garelas de Betanzos. Cinco formacións de música e baile da comarca e A Coruña ofrecerán as súas interpretacións de pezas tradicionais no festival. Nesta edición, actuarán o Grupo Airiños do Frade de Cabanas, os Larpeiros de Altamira, As Mahuas da Coruña, o Grupo de Baile e Música Tradicional de Coirós e a asociación betanceira. A cita comeza ás sete e media do serán.

A axenda cultural da fin de semana arrinca antes e cunha oferta variada. Biblos acolle a estrea do documental “7 days, 7 cities” este serán ás 19:30 en Biblos. A entrada é libre ata completar aforo e contará coa presenza do realizador do filme, Dani López. Esta película é a segunda parte do documental “This Is Life”, que narra o nacemento e expansión da nova técnica para operar cancro de pulmón Uniportal VATS, creada polo prestixioso cirurxián galego Diego González Rivas. Nesta ocasión Mandeo Records volve producir unha road-movie percorrendo toda China, para narrar como o cirurxián Diego González Rivas , opera e ensina esta nova técnica en 7 cidades de China en 7 Días. Para quen queira repetir o pase ou non poida asistir hoxe, o vindeiro 27 presentaráse, tamén ás sete e media da tarde, no centro social da Rúa, en Miño.

O Café Lanzós programa dobre ración de música para esta fin de semana. Desde as dez e media da noite de hoxe Sonidonia ofrecerá fados e músicas de moitos lugares do mundo da man de Iria e Gonzo. E mañá, á mesma hora, será o turno de Sara Lorenzo Trio, con Sara Lorenzo (voz), Rubén Deschamps (guitarra) e Íñigo Azurmendi (contrabaixo), que interpretan standards de jazz e clásicos do blues e o soul.

Ademais hai varias mostras abertas no Edificio Arquivo, onde aínda pode visitarse o belén móbil.

Advertisements