Betanzos e Santo André, protagonistas da nova “Ruta do Medievo” que a Deputación presenta en FITUR

betanzo1A Deputación da Coruña presentará a Ruta do Medievo ou Camiño Betanzos a Santo André na programación oficial da Feira Internacional de Turismo -Fitur- que se desenvolve do 18 ao 22 de xaneiro. así o anunciou o deputado de Turismo, o nacionalista Xosé Regueira, na presentación do pack turístico que o ente provincial levará á principal feira turística do estado. A presentación oficial da área de Turismo da Deputación da Coruña, da que é responsable o deputado Xosé Regueira, centrarase en tres camiños que percorren o territorio da provincia. Dous deles, o Camiño Inglés- que tamén ten parada na nosa cidade- e o Fisterra-Muxía “están xa instalados no mapa das peregrinaxes mais será, sen dúbida, a Ruta do Medievo, o camiño que vai desde Betanzos até Santo André de Teixido, o que máis sorprenderá neste acto de promoción nun dos máis relevantes escaparates mundiais do turismo” sinalan desde a Deputación.

“O Camiño Medieval trátase dunha senda de comunicación entre os dous centros de peregrinación que son Santo André de Teixido e Santiago de Compostela, contando como eixe de conexión a capital do antigo Reino de Galicia, Betanzos” explican. A vía transcorre polo norte da provincia da Coruña, desde Betanzos e o frondoso enclave do Coto de Chelo, até a incomparable paisaxe formada pola Serra da Capelada e o enclave de Teixido. Como eixo condutor, o camiño une bosques de carballos, castiñeiros e piñeiros, xunto á verde vexetación das zonas húmidas da ribeira que corren paralelas aos ríos galegos, caso das Fragas do Eume, que serven de nexo tamén con valores patrimoniais coma os mosteiros de Monfero e Caaveiro, os castelos de Naraío e Moeche e, xa case ao final, no extremo norte da provincia, o santuario de Santo André de Teixido, nun espazo de natureza salvaxe con mandas de cabalos en liberdade e acantilados que caen directamente ao mar onde sobresae a Vixía de Herbeira, que son os que teñen unha maior cota sobre o nivel do mar da Europa continental, con 613 metros de altura. En total, son cinco etapas e 95 quilómetros de roteiro turístico que ten na Casa de Andrade e na Revolución Irmandiña un potente fío condutor.

O proxecto desenvolvido pola Deputación en colaboración coa empresa Quadrado Verde consistiu no acondicionamento e sinalización deste camiño que permita, na medida do posíbel, a súa utilización e tránsito tanto para camiñantes, turismo ecuestre e BTT, así como a instalación e toda a sinaléctica necesaria e a edición de folletos interpretativos do citado camiño.

Vai de morto quen non vai de vivo

Xa se sabe que, como reza a tradición, a Santo André de Teixido vai de morto quen non vai de vivo. Esta parte do patrimonio inmaterial, coas lendas da fonte de varios canos, e os réptiles que encarnan ánimas de quen non cumpriu coa visita ao Apóstolo é parte do patrimonio que a Deputación quere internacionalizar nesta cita. Por iso, a oferta turística da Deputación vai da man da Fundación Santo André de Teixido, creada para promocionar e dinamizar os camiños de peregrinaxe milenaria o lugar de Teixido, no Concello de Cedeira, relacionado en todas as culturas clásicas co mundo do alén e o fenómeno da morte, e logo da cristianización, co santuario de Santo André de Teixido.

Esta peregrinaxe está documentada como unha das máis antigas de Europa e existe constancia de que, aínda despois de se crear o culto a Santiago en Compostela, continuaba a peregrinaxe a Teixido nunha dobre viaxe vital para visitar os templos dos dous apóstolos. Revitalizar os camiños de peregrinación a Teixido no século XXI transcende a restauración dos camiños físicos para se converter así nun obxectivo de dinamización económica en conxunto, porque leva aparellado a descuberta para grandes sectores de poboación dun espazo xeográfico espectacular, dun conxunto de tradicións descoñecidas, pero sobre todo dunha visión da Galicia turística do norte que tivo ata o de agora moi pouca proxección exterior.

Advertisements