BN súmase ás dez entidades culturais e ecoloxistas e ao BNG na oposición ao trazado da senda aos Caneiros

Cartel da campaña contra o paseo

Cartel da campaña contra o paseo

Empuxados polo movemento social de oposición ao trazado do paseo da Cañota e polos diversos comunicados remitidos polo BNG desde que o goberno local sacou a licitación o controvertido proxecto o pasado 28 de decembro, Betanzos Novo rompeu onte o seu silenzo sobre o paseo entre A Tolerancia e Os Caneiros. Fíxoo para sumarse  ás reivindicacións dos colectivos ecoloxistas e culturais da comarca e demanda unha “alternativa ecolóxica nos tramos que invaden o carrizal de San Xiao”.

Nunhas liñas publicadas na rede social facebook afirman que “Betanzos Novo *o ten claro” (mantense o pronome mal colocado do orixinal) neste tema. Sosteñen que “non hai necesidade de abrir un novo camiño nunha das poucas zonas do río que teñen un gran valor ecolóxico” dado que existe un camiño tradicional “a escasos metros”. “Utilizar o camiño tradicional tería menos impacto ecolóxico, paisaxístico, aumentaría a seguridade viaria e reduciría os custos de execución e mantemento, podendo investir máis en conservar a contorna xa existente”, argumenta BN nunha liña argumental calcada da defendida polo BNG e os colectivos ecoloxistas e culturais. Ata a data o único posicionamento público do entorno da formación era do pasado día 11, cando un dos seus edís arremetía na rede social facebook contra o BNG celebrando que “está ben que o Bng se una os que criticamos” o trazado, que os nacionalistas veñen denunciando desde 2014.

As dez asociacións emitiron un comunicado conxunto para reclamar tamén cambios na canalización e a escollera proxectada e para anunciar que organizan, este sábado, unha charla sobre o proxecto na Libraría Biblos e unha camiñada informativa polo trazado da senda ao día seguinte.

Advertisements