O Santo Domingo estrea o ano cunha derrota en Ponferrada

santodomingobetanzosA decimosegunda xornada da Liga EBA, a primeira tras o parón de Nadal, saldouse cun regusto amargo para o Santo Domingo, que entraba na competición neste 2017 visitando Ponferrada, para medirse ao Residencia Las Encinas- Ciudad de Ponferrada. A visita á capital do Bierzo saldouse cunha derrota por 82-73 para os ponferradinos, que desfixeron o partido grazas aos seus xogadores americanos no último cuarto.

Empezaron os blanquiazuis dominando o encontro, no que finalmente non puido participar o betanceiro Will Pereiro a causa dunha lesión. Os de Alexis Álvarez apoiábanse no seu acerto desde a liña do 6,75, con ata cinco triplos anotados durante este cuarto, destacando o acerto de Sam Prescott, que sumaba tres deles. Pola súa banda, os betanceiros atopaban as súas vantaxes cos seus xogadores interiores, con bos minutos de Vidal e Rozas tanto en accións dentro da pintura como desde o exterior. Unha falta nun triplo de Prescott, case sobre a bocina, permitía aos locais situar a súa vantaxe nos catro puntos (24-20 min 10).

No segundo cuarto, os brigantinos daban unha moi boa imaxe, crecían desde a defensa, axustando mellor sobre os tiradores locais, e aos poucos recortaban diferenzas. Os xogadores que saían do banquiño aportaban en ambos lados da pista, destacando na ofensiva a Thiam e Djovakovski, con 8 e 5 puntos respectivamente. Un triplo de Rozas situaba ao Santo por diante, a dous minutos do intermedio (38-39 min 18). Con todo, unha desconexión no tramo final deste cuarto, unido ao acerto dos locais, levaba a un parcial 11-0, con canastra sobre a bocina de Valcarce (49-39 min 20).

Tralo descanso, os de Diego Fernández saían coa intención de recuperar aos poucos diferenzas, e a pesar do triplo de Prescott e a canastra de Cambronne, conseguíano grazas ao acerto ofensivo, de novo con puntos de Rozas e Thiam (57-50 min 25). Os mellores minutos defensivos chegaban a partir de aquí, encaixando únicamente tres puntos desde o tiro libre en case cinco minutos, ata situarse a só un punto no marcador, logo dunha canastra de Pablo Fernández tras roubo de balón. De novo unha canastra ao final do cuarto de Valcarce permitía aos de Álvarez chegar ao último parcial con boas sensacións (62-59 min 30).

No cuarto final, Residencia Las Encinas conseguía un novo parcial favorable, tras recuperar o seu acerto desde o perímetro, mentres que os visitantes deixaban escapar numerosas oportunidades de dar a volta ao electrónico, errando varios lanzamentos exteriores (75-65 min 35). Cando peor estaban as cousas, o Santo Domingo reaccionaba, e cun traballado parcial de 0-8 en tres minutos situábanse a só dous puntos e posesión (75-73 min 38). Inclusive dispoñían de dous lanzamentos para empatar, pero estes non entraban, rompendo o parcial Cambronne cunha canastra para os de Ponferrada (77-73 min 39). Os betanceiros dispoñían de varias situacións para reducir diferenzas, pero os tiros non entraban, sentenciando o partido Sam Prescott desde o tiro libre (82-73 min 40).

A próxima xornada o Santo Domingo Betanzos terminará a primeira volta da competición recibindo ao COB “B” no Carregal o vindeiro domingo 22, ás 17:00 horas.

Advertisements